Novas

Martes, 21 de maio de 2013.

Os populares presentaron unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que solicitan que se ordene a retirada inmediata

O PP pide a retirada dos carteis que colgan das árbores ornamentais de distintas rúas de Monforte nos que se recollen insultos dirixidos ao presidente da Xunta

-Julia Rodríguez explica que constitúen unha falta de respecto institucional e deterioran a imaxe que ofrece a cidade e recorda que carecen da preceptiva licenza

O Grupo Municipal do PP presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno do luns 27 de maio na que piden que se ordene a inmediata retirada dos carteis que colgan das árbores ornamentais de distintas rúas de Monforte, en particular a Rúa Cardenal, nos que se recollen insultos e termos infamatorios dirixidos ao presidente da Xunta de Galicia. A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, enumera catro das razóns polas que o seu grupo considera que os carteis deben ser retirados:

1. Por constituír unha falta de respecto institucional á persoa do presidente da Xunta.

2. Porque deterioran a imaxe que ofrece a cidade, non só aos propios monfortinos, senón aos visitantes foráneos.

3. Pola falta de respecto que supoñen para moitos monfortinos que non comparten o uso de elementos ornamentais públicos para degradar a imaxe dunha persoa.

4. Porque carecen da preceptiva licenza.

O Grupo Municipal do PP solicitou en data recente información sobre a colocación de carteis en varias árbores de diversas rúas da cidade, en especial en Cardenal, nos que se insulta de diferentes modos ao presidente de la Xunta. Concretamente preguntábase pola solicitude de licenza para a colocación destes carteis en elementos públicos, a resolución na que se concedese a licenza e a identificación de quen a solicitara, así como as actuacións a levar a cabo por parte do Concello no suposto de que se carecese de licenza.

Uns carteis que non dispoñen de licenza

O Goberno local non respondeu á solicitude do PP, aínda que a través dos medios de comunicación o Grupo Municipal Popular tivo coñecemento, polas propias manifestacións do alcalde, de que os carteis non dispoñen de licenza e da intención do rexedor de permitir a súa permanencia sen dispor ningunha actuación dirixida á súa retirada.

O alcalde sinalou ademais que noutras ocasións tampouco se exixía licenza para a colocación de pancartas ou carteis publicitarios en elementos públicos. Sen embargo, o PP ten constancia da existencia de expedientes a determinadas entidades pola colocación de carteis publicitarios sen que exista constancia de licenza que as habilite en terreo titularidade do Concello.

Entre elas, existe unha resolución na que se ordena a retirada dun cartel publicitario nun prazo máximo de 20 días, procedendo a Administración Municipal á execución subsidiaria en caso de incumprimento ou á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas reiterables mensualmente ata lograr a execución polo suxeito obrigado en contía de 1.000 a 10.000 euros, todo elo sen perxuízo da imposición das sancións que procedan.

Novas

Redes Sociais