Novas

Xoves, 22 de agosto de 2013

Os populares denuncian a "incapacidade" do Goberno local para articular unha solución aos centos de veciños que levan días cun servizo deficitario

O Grupo Municipal do PP pedirá no Pleno que leven a cabo as medidas necesarias para que Monforte non volva sufrir problemas de subministración de auga

Julia Rodríguez considera que desde o Concello debería advertírselle á poboación da importancia de racionalizar o consumo

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que pedirán ao Goberno local que leve a cabo as medidas necesarias para que Monforte non volva sufrir problemas de subministración de auga como vén acontecendo en numerosos barrios da cidade desde hai varios días. Desde o PP consideran que "tan importante como buscar solucións agora era adoptar as medidas preventivas adecuadas, sobre todo tendo en conta que era un risco coñecido por suceder xa en anos anteriores".

En concreto, os populares solicitarán que se adopten as medidas necesarias a través da realización de catas ou a revisión do estado da rede de abastecemento por parte do técnico industrial co que conta o Concello. Tamén demandarán que se articulen as medidas de prevención apropiadas para que "non se repita" unha situación como a que estes días vive Monforte.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que coa posta en funcionamento da nova potabilizadora non existiría este risco, aínda que engade que "é preferible garantir que non volverá ocorrer porque os veciños se atopan sen un servizo básico".

Julia Rodríguez denuncia a "incapacidade" do Concello para pór fin ao problema da subministración e rexeita que a solución pase pola "confianza do equipo de Goberno nos cambios meteorolóxicos e na diminución do número de habitantes que estes días soporta a cidade", como así recollen os medios de comunicación.

Os populares cren que é "ineludible e urxente" adoptar as medidas correctoras oportunas, así como advertirlle á poboación da necesidade de que racionalicen o consumo evitando encher as piscinas ou o regado excesivo, entre outras medidas, unhas indicacións que o Concello podería haber demandando coa publicación dun bando, comunicándoo a través do seu persoal, ou mediante os medios de comunicación.

Novas

Redes Sociais