Novas

Xoves, 3 de decembro de 2015

No Día Internacional da Discapacidade os populares anuncian que pedirán o apoio do Pleno para que o Goberno local repare o elevador e facilite que os baños sexan accesibles

O PP lamenta que o ascensor da Casa da Cultura Lois Pereiro leve tres anos parado e esixe a súa posta en marcha

Julia Rodríguez urxe ao Concello a reparar o elevador para que todos os usuarios teñan acceso á planta superior

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo Pleno da Corporación que o Goberno local repare o ascensor da Casa da Cultura Lois Pereiro que comunica a planta baixa coa Biblioteca. Os populares explican que a instalación leva sen funcionar máis de tres anos, polo que, aproveitando o Día Internacional da Discapacidade, consideran fundamental poñer solución a esta situación.

Na actualidade a porta do elevador está tapada por unha tarima de madeira e un banco. Ao non poder subir ao piso superior, as persoas con discapacidade non poden facer uso da biblioteca municipal nin dos ordenadores habilitados para o uso persoal. Os populares non comprenden que haxa ascensor e se teña oculto cun panel e unha mesa.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica o esforzo inversor doutras administracións gobernadas polo PP, como a Xunta e o Goberno central, quen destinaron recursos para colocar un ascensor no CEIP As Gándaras e no edificio de Facenda.

Os populares advirten ademais que tampouco os baños son accesibles para a persoas con discapacidade, dado que os aseos existentes na planta baixa contan cun paso de 30 centímetros, o que impide a entrada para persoas con problemas de mobilidade.

Novas

Redes Sociais