Novas

Mércores, 9 de decembro de 2015

O Grupo Municipal do PP non apoiará os Orzamentos municipais porque aumentan a presión fiscal sobre os monfortinos

O PP demanda que se convoque a praza de oficial da Policía Local por promoción interna

Julia Rodríguez reiterará a petición dos populares para que se elabore unha Relación de Postos de Traballo na que se determinen as necesidades dos distintos servizos do Concello

O Grupo Municipal do PP afirma que o pase a segunda actividade do inspector de Policía Local “colócanos ante unha situación insólita ao non dispoñer dun oficial entre os axentes que poida desenvolver as súas funcións”. Os populares ven necesario crear e convocar por promoción interna entre os axentes de Monforte a praza de oficial, de tal xeito que, cando o inspector pase a segunda actividade, non haxa problemas para que o oficial poida facerse cargo das súas responsabilidades mentres non se convoca tamén esa praza.

O PP considera que, mentres ese trámite non se resolva, o inspector podería atrasar uns meses o seu pase á reserva para evitar esta situación ou ben nomear un xefe provisional.

Á espera dunha RPT



O Grupo Municipal do PP reiterará a súa petición para que se elabore unha Relación de Postos de Traballo (RPT) na que se determinen as necesidades dos distintos servizos do Concello, así como as facultades e competencias de cada un co propósito de adaptar os recursos humanos dispoñibles para a mellor prestación dos servizos.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que ata agora o Concello pagou sistematicamente a empresas externas por facer unha RPT da que aínda non dispoñemos. “Este feito dá lugar a situacións irregulares como as que afectan aos axentes de atención á cidadanía ou á Policía Local”, engade.

Julia Rodríguez afirma que, logo de seis meses de tomar posesión este tipo de decisións “xa non son aprazables”.

Monforte conta, para os populares, con axentes moi eficientes na Policía Local aos que hai que dar a posibilidade de promocionarse internamente ademais de resolver unha situación irregular como a que se mantivo ata agora. Os populares recordan que no Orzamento de 2015 xa figuraba unha praza de oficial de Policía reservada a promoción interna, polo que reclamarán que o Goberno local convoque a praza de oficial da Policía Local por promoción interna.

Incremento da presión fiscal



O PP vota en contra do Orzamento para 2016 argumentando que o alcalde anunciou a bombo e prato que reducía as taxas cando a redución representa tan só 16.818 euros con respecto ao presupostado no exercicio anterior, (de 2.045.814 a 2.028.996 euros). “Vendeu fume e anunciou unha gran redución de taxas e prezos públicos nas ordenanzas que se traducen en 16.818 euros menos, mentres incrementa a presión fiscal a través do IBI en 189.440 euros”, engade.

Polo tanto o incremento dos ingresos procede dunha maior carga fiscal a través de impostos directos, o IBI, sen apenas reducir as taxas. Os populares censuran ademais que non se fagan ningún esforzo social, sen cambios sobre o que xa había, fóra diso unha partida para pobreza enerxética. Para rematar, o PP lamenta que para financiar o investimento que anuncia o PSOE se recorra ao endebedamento a través do pago dun crédito a longo prazo.

Novas

Redes Sociais