Novas

Venres, 11 de decembro de 2015

O Grupo Municipal do PP sae ao paso dunha pregunta formulada no Parlamento por Vicente Docasar e invítao a dirixir a consulta a quen bloquea a cesión: o Goberno local

O PP demándalle ao Concello que acepte a reversión do edificio de Sanidade para cedelo á Policía Nacional

Julia Rodríguez indica que na actualidade o único servizo que permanece alí é o Servizo Municipal de Drogodependencia e é o Concello o que debe dispoñer o seu traslado

O Grupo Municipal do PP de Monforte instará ao Goberno municipal a que acepte a reversión do edificio de Sanidade da Avenida de Galicia, así como que faga as xestións necesarias para cedelo á Policía Nacional liberando ademais o inmoble do servizo que alí se sitúa.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, lamenta que os Orzamentos municipais non contemplen partida algunha, de ser necesaria, para a recolocación do servizo de drogodependencia.

Rodríguez agradece ademais aos responsables do PSOE “que deixen de enviar a mensaxe de que a Comisaría de Monforte está en risco, tendo en conta que o catálogo de postos de traballo reflicte que conta co maior número de efectivos dos últimos anos”.

O Grupo Municipal do PP sae ao paso dunha pregunta formulada no Parlamento polo deputado socialista Vicente Docasar sobre os trámites realizados pola Xunta para dar cumprimento ao acordo parlamentario de 6/2/2015 no sentido de facer as xestións necesarias coas distintas administracións, incluíndo a cesión dun edificio público a fin de mellorar as instalacións da comisaría de policía de Monforte.

A resposta dada polo director xeral de Emerxencias no Parlamento revela que o edificio de Sanidade da Avenida de Galicia pertence ao propio Concello e que a S.X de Patrimonio ditou resolución na que autorizaba a reversión, ao ter cedido unicamente o usufruto para fins sanitarios.

En maio deste mesmo ano envíase borrador da acta para que o Concello acepte a reversión ou faga as alegacións convenientes, pero o Goberno local non responde. O 23 de novembro a S.X Patrimonio reitera a notificación concedendo ao Concello un prazo de 15 días para que manifeste a súa postura sobre a proposta de reversión, entendendo que se non manifesta nada, se habilitará á Consellería para dispoñer libremente do inmoble.

Polo tanto, a Xunta liberou o inmoble dos servizos que prestaba nel, trasladándoos a outras dependencias. Na actualidade o único servizo que permanece alí é o Servizo Municipal de Drogodependencia e é o Concello o que debe dispoñer o seu traslado.

A resposta do director xeral tamén revela que os informes dos técnicos da Área de Arquitectura e Obras da Subdirección Xeral de Xestión Económica e Técnica da Dirección Xeral da Policía, logo de inspeccionar o edificio, resultan favorables á viabilidade das instalacións para transformalas en nova sede da comisaría por un custo relativamente pequeno, comparado co proxecto inicial que se contemplou para situala na C/ Duquesa de Alba.

Xa que logo, resume a popular, “a Xunta fixo todo o necesario para a reversión deste inmoble, liberándoo dos seus servizos, os técnicos da Policía Nacional informaron favorablemente respecto de a viabilidade do mesmo e quen agora mesmo non está actuando con dilixencia é o Concello, polo que Vicente Docasar debería preguntarlle por este asunto ao alcalde, como así fará o PP”.

Novas

Redes Sociais