Novas

Martes, 12 de xaneiro de 2016

Os populares explican que levan de novo o contido de mocións que xa foron aprobadas pola anterior Corporación, xa que o novo Goberno do PSOE non representou cambio algún no nulo nivel de esixencia á concesionaria no cumprimento das súas obrigacións

O PP reitera que o Concello debe esixir a Aqualia que repare as avarías e repoña a súa contorna coa maior inmediatez, tal e como fixa o seu contrato

Julia Rodríguez demanda que se repoña o máis axiña posible o seu estado anterior e, namentres, que se sinalen de xeito apropiado as grandes fochas que existen na Rúa Chantada

O Grupo Municipal do PP de Monforte instará ao Goberno local no próximo Pleno ordinario a requirir á concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento, AQUALIA, para que en relación ás avarías que está obrigada a reparar, ou actuacións de todo tipo que efectúe nas vías públicas, proceda á súa reparación, execución e á reposición da súa contorna, coa maior inmediatez, a fin de evitar os riscos e molestias que sofren os veciños pola permanencia durante longo tempo de gabias abertas ou fochas nas rúas e beirarrúas, sen que se aprecie traballo efectivo que xustifique a situación.

Os populares piden ademais que o tempo que as gabias permanezan abertas para efectuar a reparación ou avaría e mentres non se produza a reposición da contorna, empréguense as necesarias e apropiadas medidas de sinalización, seguridade e protección da zona afectadas para evitar molestias e riscos innecesarios aos usuarios.

O Grupo Municipal do PP demanda que se repoña o máis axiña posible o seu estado anterior e, namentres, que se sinalen de xeito apropiado as grandes fochas que existen na Rúa Chantada por culpa de avarías na rede de abastecemento, que permanecen no mesmo estado desde fai meses, sen que se aprecie traballo algún neles.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, precisa que o Goberno local debe incoar os expedientes sancionadores que procedan no caso de que a concesionaria manteña a súa actitude incumpridora con respecto a esta e outras obrigas recollidas no seu contrato.

A popular lamenta que malia as obrigacións que figuran no contrato da concesionaria sobre a reparación de avarías de forma inmediata, empregando todos os recursos dispoñibles ou subcontratándoos incluso, para evitar molestias aos usuarios, “o certo é que nos últimos tempo sucédense avarías que dan lugar a gabias en beirarrúas e viais que permanecen durante semanas, ata meses, sen que se vexan operarios facendo traballos de ningún tipo dirixidos a reparalas.

Exemplos desta práctica producíronse na Rúa Corredoira, na Rúa Escultor Francisco Moure, na Rúa Eduardo Pondal, en Calvo Soleto, ou no Morín, entre outras. As gabias permanecen abertas durante moito tempo sen que se aprecie traballo que xustifique esta situación, unha práctica que supón molestias e riscos para os veciños e que nalgúns casos provocou caídas, danos e ata accidentes.

Os populares explican que o contido desta moción xa foi aprobada con anterioridade en iniciativas similares. O Grupo Municipal do PP decide agora repetir a petición porque o novo equipo de Goberno non representou cambio algún no nulo nivel de esixencia á concesionaria no cumprimento das súas obrigacións.

Novas

Redes Sociais