Novas

Mércores, 20 de xaneiro de 2016

Os populares piden ao Concello a elaboración dun informe detallado para detectar deficiencias e riscos existentes tanto para condutores como para peóns

O Grupo Municipal do PP demanda a mellora da seguridade viaria na cidade

Julia Rodríguez sostén que recibiron numerosas queixas de veciños e usuarios que advirten da necesidade de intervir en numerosos puntos

O Grupo Municipal do PP de Monforte instará ao Goberno local no próximo Pleno ordinario a elaborar un informe detallado sobre seguridade viaria na cidade co propósito de detectar deficiencias e riscos existentes para os usuarios, tanto condutores como peóns. Os populares demandan que, unha vez se realice o informe, se leven a cabo as actuacións e correccións que resulten para eliminar os riscos e deficiencias que se aprecien para mellorar e garantir a seguridade viaria na cidade.

Os populares sosteñen que o seu grupo recibiu queixas de veciños e usuarios preocupados pola falta de seguridade viaria existente en diferentes puntos da cidade, froito da ausencia de sinalización vertical e horizontal ou porque, existindo, é deficiente. “Tamén recibimos queixas, explica a portavoz do PP, Julia Rodríguez, derivadas da existencia de elementos na rúa ou que afectan á circulación e que representan risco para os usuarios, tanto para condutores como para peóns”.

O número de accidentes e atropelos que se rexistran nos últimos meses indican ademais, precisa o PP, a necesidade de mellorar a seguridade viaria. Os populares alertan de deficiencias en:

- Praza da Florida, presenta unha sinalización moi deficiente que dá lugar a equívocos e provocou múltiples accidentes.

- Confluencia das rúas Abeledos, Manuel María e Saviñao, necesita dunha actuación que clarifique e mellore a seguridade viaria.

- A Praza Doutor Goyanes, presenta deficiencias de sinalización, concretamente carece de paso de peóns entre a marxe esquerda e dereito da Ponte Vella e tampouco hai paso peonil que una a beirarrúa do Cantón co resto da praza.

- A falta de pasos de peón repítese na Praza das Clarisas entre ambas marxes da Ponte Vella.

Os populares sinalan ademais outros elementos que poden representar risco:

- Na baixada da Ponte Vella cara a Praza Doutor Goyanes o foco que ilumina a ponte está orientado de maneira que cega aos condutores que pretenden facer stop en hora nocturna, algo que dificulta a visibilidade cara ao Malecón.

- Na Rúa do Caneiro, desde a entrada do Club Fluvial ata as inmediacións do Club Padel Ante, na marxe esquerda, existen os restos dunha fila de bolardos que foron arrincados na súa maior parte. Moitos deles presentan superficies metálicas cortantes e puntiagudas, o que representa un risco para os usuarios da vía.

Julia Rodríguez explica que, aínda que non é posible para o seu grupo facer un desglose absoluto de todos os puntos de risco, considera imprescindible que o Goberno local elabore un informe de deficiencias na seguridade viaria na zona urbana para que se corrixan o máis axiña posible.

Novas

Redes Sociais