Novas

Mércores, 24 de febreiro de 2016

Os populares engaden que o Concello debe requerir á empresa FCC o cumprimento do contrato que a obriga a sanear e eliminar as especies invasoras no monumento

O Grupo Municipal do PP pide ao Goberno local que limpe a muralla de Monforte eliminando a maleza e as especies invasoras

Julia Rodríguez demanda que se realice un estudo sobre a situación xurídica da muralla que permita determinar a quen corresponde a súa titularidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que insta ao Goberno local a que, previo informe ou licenza correspondente da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, se adopten as medidas necesarias para proceder á limpeza da muralla eliminando a maleza que crece entre os seus sillares para devolverlle o aspecto de limpeza e mínimo mantemento que corresponde a monumentos desta natureza. Por iso, demanda ademais que requira á empresa FCC o cumprimento do contrato que a obriga a sanear e eliminar as especies vexetais invasoras no monumento.

Os populares solicitan tamén que se realice un estudo sobre a situación xurídica da muralla que permita determinar a quen corresponde a súa titularidade ao longo do seu trazado para fixar o ámbito competencial da súa conservación e mantemento como paso previo á execución das actuacións que necesite.

Os populares recordan que en marzo de 2014 pediron en Pleno a limpeza da Ponte Vella e a muralla e que FCC acometera estes traballos, xa que no seu contrato figura como unha das súas obrigacións a prestación do labor de saneamento de especies vexetais invasoras nos monumentos públicos de referencia do Concello, en concreto a Ponte Vella e a Muralla. Pese á aprobación da iniciativa, tan só se levou a cabo a limpeza da ponte, mentres que a Muralla ofrece un aspecto lamentable e impropio dun monumento desta entidade.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que non se entende este deixamento de funcións tendo en conta que o saneamento das especies vexetais da Muralla está encomendada á concesionaria FCC e, polo tanto, á administración local. Aínda que os populares creen que é necesario dispoñer dun estudo actualizado sobre o estado de conservación do monumento o primeiro paso debe ser proceder a unha mínima limpeza para eliminar as herbas invasivas que a ocultan e prexudican.

8 anos perdidos

O PP acaba de saber que o Concello ten á súa disposición dende 2008 un Plan de actuacións para a recuperación do recinto amurallado de Monforte de Lemos elaborado polo arquitecto José María Alonso Montero sobre o estado da muralla naquel momento. “Non podemos máis que lamentar que se perdesen estes 8 anos desde que se dispón deste plan sen que se levará a cabo nin unha soa xestión ou actuación dirixida a mellorar o estado de conservación do monumento”, explica.

“Ata parece que determinadas actuacións levadas a cabo na súa contorna non contemplaron o recollido no plan, malia executarse con posterioridade á súa redacción”, conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais