Novas

Sábado, 24 de agosto de 2013

Tamén reclaman que os nacionalistas reintegren os salarios indebidamente percibidos do ente provincial polos asesores que desempeñaban labores exclusivamente partidistas

O PP de Monforte pedirá no Pleno a dimisión do vicepresidente da Deputación como responsable da trama de persoal ao servizo do BNG

Os populares súmanse aos demais Grupos Municipais do PP da provincia ao considerar que é necesario exixir que se depuren as oportunas responsabilidades políticas

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que pedirán ao Goberno local que se reprobe a actuación da Deputación de Lugo pola trama de persoal ao servizo do BNG que percibía salario do ente provincial. Concretamente, os populares de Monforte, do mesmo xeito que os do resto de Concellos da provincia, exixen que se depuren responsabilidades políticas instando a dimisión do vicepresidente primeiro da Deputación, Antonio Veiga, como máximo responsable destes "feitos irregulares".

Os populares solicitan ademais ao BNG o reintegro íntegro dos salarios indebidamente percibidos do ente provincial de todo aquel persoal que aínda que estaba formalmente adscrito a unha área de goberno, atopábase desempeñando labores exclusivamente partidistas.

O PP explica na moción que o Goberno bipartito da Deputación de Lugo incorreu "nunha flagrante irregularidade" ao constatarse que pagou con diñeiro público a unha serie de persoas que non realizaban as funcións para as que foron contratadas. Así, engaden, a administración provincial lucense contaba "cunha trama de traballadores liberados ao servizo do BNG pero que percibían un salario como persoal adscrito á área de goberno de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico".

Tal e como se documenta no texto da iniciativa, até catro empregados desenvolvían funcións exclusivamente partidistas ou orgánicas, mesmo desde as sedes que o BNG ten en varias localidades distintas da sita na cidade de Lugo.

Novas

Redes Sociais