Novas

Sábado, 27 de febreiro de 2016

Os populares demandan a elaboración dun documento que permita analizar as actuacións que se van a desenvolver desde unha perspectiva de xénero prestando especial atención á situación das mulleres e os homes en relación cos programas de gasto

O Grupo Municipal do PP pide que se elabore un informe de impacto de xénero nos Orzamentos municipais

Julia Rodríguez solicita ademais que se inste á Xunta a poñer á súa disposición instrucións e indicacións para a elaboración do informe

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que insta ao Concello a elaborar un informe de impacto de xénero nos Orzamentos municipais que permita analizar as actuacións que se van a desenvolver desde unha perspectiva de xénero prestando especial atención á situación das mulleres e os homes en relación cos programas de gasto.

Os populares piden ademais que se inste á Xunta, si así o considera o Goberno local, a poñer á súa disposición instrucións e indicacións para a elaboración do informe de impacto de xénero nos orzamentos.

Os populares recordan que a Constitución Española no seu artigo 9.2 sinala que son os poderes públicos os que deben promover as condicións para a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos nos que se integren sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.

A día de hoxe todas as institucións nacionais, europeas e internacionais realizan un gran esforzo por garantir o dereito das persoas a non sufrir discriminación por razón de sexo. O esforzo materialízase, fundamentalmente, a través de tres vías de intervención:

1. O desenvolvemento do principio de igualdade a través da eliminación no ordenamento xurídico das discriminacións por razón de sexo.

2. As accións positivas, que consisten en medidas específicas de intervención que actúan sobre as barreiras sociais que dificultan a igualdade entre as persoas co fin de compensar as desigualdades sociais.

3. O mainstreaming de xénero, que supón a integración dos obxectivos de igualdade na elaboración e avaliación das políticas públicas.

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, explica que os Orzamentos sensibles ao xénero ou con perspectiva de xénero non son sinónimo de Orzamentos diferenciados en programas para mulleres e para homes, senón que responden a unha estratexia para coñecer o impacto que as políticas recolleitas nas contas ten sobre homes e mulleres. O obxectivo fundamental é a integración transversal dos asuntos de xénero en todas as políticas, plans e programas que se desenvolvan.

Novas

Redes Sociais