Novas

Mércores, 9 de marzo de 2016

Os populares felicitan aos pais e nais do alumnado “ocupados e preocupados porque os seus fillos teñan onde ir ao abandonar o centro”

O Grupo Municipal do PP agradece “a sensibilidade e dilixencia” do conselleiro de Política Social para dar resposta aos alumnos do Infanta Elena

Julia Rodríguez destaca a “boa disposición” do departamento da Xunta que dirixe José Manuel Rey Varela

O Grupo Municipal do PP de Monforte agradece “a sensibilidade e dilixencia” do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que na súa primeira visita oficial a Monforte comprometeu a creación dun Centro Ocupacional e Servizo Residencial de 40 prazas para dar solución ao alumnado do Centro de Educación Especial Infanta Elena unha vez cumpran os 21 anos.

Os populares felicitan ademais aos pais e nais dos alumnos “ocupados e preocupados porque os seus fillos teñan onde ir unha vez abandonen o centro”. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, asegura que o seu grupo leva traballando desde o primeiro momento “para tratar de alcanzar unha solución satisfactoria para a problemática que nos trasladaron os pais. Agora eses nenos e nenas terán a posibilidade, grazas á Xunta, de continuar a súa formación e desenvolvemento persoal no novo centro tras a súa estancia no Infanta Elena”, apunta.

A portavoz do PP destaca “a colaboración” do departamento que dirixe Rey Varela que onte acudiu á reunión cos pais “cos deberes feitos e un compromiso claro” tras elaborar un primeiro estudo no que se recolle a distribución de espazos e a capacidade que terá o novo equipamento, así como unha valoración económica do seu custo, estimado en 255.000 euros.

“Será un centro moderno e funcional que dará resposta a unha demanda á que había que darlle solución”, precisa a popular, polo que agradece “de maneira explícita” a atención recibida por parte do conselleiro e do Goberno galego que, “unha vez máis”, demostra que cumpre con Monforte.

Novas

Redes Sociais