Novas

Santiago, 10 de marzo de 2016

A deputada do Grupo Popular rexistrou no Parlamento unha proposición non de lei sobre este asunto

JULIA RODRÍGUEZ SOLICITA Á CONSELLERÍA DE SANIDADE IMPLANTAR O SERVIZO DE HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO NO HOSPITAL COMARCAL DE MONFORTE

Afirma que “non existe razón obxectiva algunha que impida a implantación deste servizo en Monforte”, unha vez está en funcionamento noutros hospitais comarcais como Verín, Burela ou O Barco de Valdeorras

A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez vén de presentar unha proposición no de lei no Parlamento galego a través da que insta á Consellería de Sanidade a implantar o servizo de hospitalización a domicilio no Hospital Comarcal de Monforte.

Julia Rodríguez lembra que este servizo “se implantou e vén funcionando satisfactoriamente noutros hospitais comarcais de características similares ao de Monforte, como o de Verín, Burela ou o Barco de Valdeorras”, polo que “non existe razón obxectiva algunha que impida a implantación deste servizo no Hospital comarcal monfortino”.

TRATAMENTO NO FOGAR CON MEDIOS DE HOSPITAL

Neste sentido, engade que “son moitos os usuarios deste servizo que amosan a súa satisfacción por seguir o tratamento no seu fogar cos mesmos medios que no hospital, pero coa vantaxe de evitar o seu ingreso”.

A deputada popular lembra que unha elevada porcentaxe da poboación destinataria dos servizos sanitarios do Hospital comarcal de Monforte posúe máis de 65 anos. “Trátase de pacientes que, pola súa patoloxía e o seu estado clínico, poderían verse beneficiados na súa maioría pola implantación deste servizo de hospitalización a domicilio, que lles proporcionaría atención de rango hospitalario no seu propio fogar e suporía beneficios clínicos aos pacientes e repercutiría favorablemente nas súas familias”, manifestou.

O envellecemento da poboación, a cronificación de moitas patoloxías e as novas tecnoloxías fan da Hospitalización a Domicilio un servizo importante, por cuanto permite a recuperación de determinados pacientes en determinadas circunstancias nun entorno coñecido, mais saudable e favorable para o enfermo e a súa familia, pero mantendo os coidados que lle serían dispensados no entorno hospitalario

Novas

Redes Sociais