Novas

Venres, 18 de marzo de 2016

Julia Rodríguez reuniuse esta mañá co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e coa directora xeral do Patrimonio Cultural, María do Carmen Martínez Insua, para tratar cuestións relativas ao estado do monumento

O Grupo Municipal do PP pide a colaboración da Xunta para elaborar un Plan Director sobre a muralla medieval de Monforte

Os populares esíxenlle ao alcalde que pida a pertinente autorización para poder intervir no monumento e acometer o saneamento das herbas invasoras como figura no contrato da concesionaria FCC

O Grupo Municipal do PP solicitou a través da súa portavoz e deputada autonómica, Julia Rodríguez, a colaboración da Xunta para elaborar un Plan Director sobre a muralla medieval de Monforte no que se aborden aspectos sobre a súa conservación e titularidade. A portavoz mantivo esta mañá un encontro de traballo co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e coa directora xeral do Patrimonio Cultural, María do Carmen Martínez Insua, para tratar cuestións relativas ao estado do monumento.

A reunión tiña por obxecto clarificar as competencias sobre a muralla, logo da resposta dada polo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, que confirmou que o monumento non é propiedade da Xunta de Galicia.

No transcurso da reunión, o Secretario Xeral de Cultura e a Directora Xeral do Patrimonio Cultural, deixaron clara a importancia do monumento e de que todas as administracións colaboren na súa recuperación, pero tamén que é imprescindible como cuestión previa definir quen son os seus titulares, porque, calquera actuación sobre a muralla, debe contar coa súa autorización.

A preguntas da Deputada Julia Rodríguez sobre a conservación que asume a Xunta en relación á muralla de Lugo, aclararon que existe unha diferenza substancial: a muralla de Lugo é propiedade da Xunta por ter cedida a súa titularidade dende fai anos. A muralla de Monforte, pola contra, non figura entre os bens de titularidade autonómica pero é a esta a quen lle corresponde autorizar as actuacións que se realicen sobre ela por ser un monumento BIC. Con todo, é aos seus propietarios a quen lle corresponde a súa conservación e mantemento.

A Xunta explica que calquera actuación de rehabilitación que haxa de realizarse sobre a muralla debe contar ademais coa autorización dos seus propietarios, polo que urxe facer un estudo que permita determinar tal titularidade.

Ante a negativa do alcalde de acometer ese informe, Julia Rodríguez solicitou dos responsables de Patrimonio e Cultura colaboración coa elaboración dun plan director sobre a muralla, que permita determinar quen son os seus propietarios, como paso previo imprescindible para calquera actuación.

Julia Rodríguez esíxelle ao alcalde que, de xeito urxente, pida a pertinente autorización para poder intervir no monumento e acometer o saneamento das herbas invasoras como figura no contrato da concesionaria FCC.

Novas

Redes Sociais