Novas

Martes, 27 de agosto de 2013

O Grupo Municipal do PP solicita que se leve a cabo un estudo técnico do estado da rede e que se renoven os puntos que presentan maior risco de rotura

O PP leva ao Pleno a necesidade de adoptar solucións urxentes e medidas preventivas en relación co abastecemento de auga potable

Julia Rodríguez lamenta que non se aproveitasen as obras de remodelación de prazas e rúas da cidade para renovar a rede de subministro "como sería aconsellable"

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que se resolva a situación dos afectados pola falta de subministro de auga. Tamén exixen que se realice unha actuación preventiva en relación aos niveis de consumo e dos depósitos que evite que no futuro sucedan situacións como as que vive a cidade, aínda que a posta en funcionamento da nova potabilizadora poida reducir a posibilidade de que ocorra de novo.

Os populares demandan ademais que se leve a cabo un estudo técnico do estado da rede de subministro de auga potable a fin de determinar os puntos que presentan maiores riscos de rotura, de maneira que se proceda á súa progresiva renovación, antes de que provoquen a falta de subministro aos veciños. O Grupo Municipal do PP recibiu numerosas queixas dos veciños de barrios como A Florida, a Estación, Doutor Casares e San Pedro, nas que advertían que o servizo de subministro de auga potable se atopaba interrompido ou resultaba insuficiente, o que ocasiona importantes molestias aos afectados.

A concesionaria informou de que a situación ten que ver cun consumo excesivo derivado do aumento de poboación en época estival, unha problemática que, segundo apunta o PP, "non é nova", xa que en anos pasados veciños de parroquias e do propio casco urbano víronse privados do subministro durante días -e ata meses- polo descenso de auga nos depósitos.

Un risco coñecido e evitable

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera a situación "extremadamente grave", sobre todo tratándose dun "risco coñecido e evitable", polo que os populares non entenden que non se adoptasen medidas preventivas e informativas que permitisen racionalizar o consumo e evitar así os prexuízos que están sufrindo tantos veciños.

A día de hoxe, engade o PP, "non existe constancia de comunicado ou adopción de medida algunha dirixida á corrección desta situación", máis aló da influencia da diminución do número de turistas na cidade que recollen os medios de comunicación.

Desde o Grupo Municipal do PP explican ademais que o problema do subministro non é illado, senón que é frecuente que rúas ou barrios enteiros se vexan afectados por cortes de auga derivados da rotura de elementos da rede de abastecemento debido ao seu deficiente estado. Julia Rodríguez lamenta que non se aproveitasen as obras de remodelación de prazas e rúas da cidade para renovar a rede de subministro "como sería aconsellable".

Novas

Redes Sociais