Novas

Martes, 5 de abril de 2016

Os populares esixen ao Concello que cumpra e faga cumprir as ordenanzas e contratos que obrigan ás concesionarias

O PP censura que o Goberno local rexeite que FCC cumpra co seu contrato e limpe as especies vexetais que invaden a muralla

Julia Rodríguez pregúntase cal é o papel do alcalde si nin tan sequera é capaz de velar polo cumprimento dos contratos municipais

O Grupo Municipal do PP de Monforte censura que o Goberno local rexeitase no Pleno de onte a moción na que demandaban a limpeza da muralla medieval eliminando a maleza e as especies invasoras requerindo para iso á empresa FCC, encargada destes traballos, tal e como recolle o seu contrato.

Os populares defenderon no Pleno a necesidade de “empezar a actuar no monumento de xeito urxente”, polo que demandaron que o Concello fixese cumprir o contrato á concesionaria que a obriga a sanear e eliminar as especies vegetales invasoras no monumento.

Co seu voto en contra o PSOE rexeita ademais cumprir coa súa función de policía e facer cumprir as ordenanzas sobre protección medioambiental en relación á limpeza de solares, así como a eliminación das pintadas no depósito de San Vicente e o acondicionamiento para facer un mirador, tal e como ten comprometido Aqualia no seu contrato.

Para sorpresa do PP o Goberno local votou en contra da iniciativa, mentres que o BNG abstívose e Esperta Monforte apoiouna. Deste modo, o alcalde rexeitou tamén realizar un estudo sobre a situación xurídica da muralla que permita determinar a quen corresponde a súa titularidade ao longo do seu trazado para fixar o ámbito competencial da súa conservación e mantemento como paso previo á execución das actuacións que necesite. 

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, lamenta que o Goberno local opte porque a muralla siga ofrecendo un aspecto lamentable e impropio dun monumento desta entidade. “Non entendemos a deixadez de funcións do alcalde tendo en conta que o saneamento das especies vexetais da muralla está encomendada á concesionaria FCC e, polo tanto, á administración local, que é quen debe velar para que se cumpra”, indica.

“Nós pediamos como primeiro paso para a conservación do monumento proceder a unha limpeza mínima para eliminar as herbas invasivas que a oculta e prexudica e lamentamos que o PSOE non comparta esta necesidade”, engade.

Julia Rodríguez pregunta ao alcalde “cal é o seu papel á fronte do Concello, cando nin tan sequera vela polo cumprimento dos contratos”.

Novas

Redes Sociais