Novas

Sábado, 9 de abril de 2016

Os populares sosteñen que, no marco do cumprimento das ordenanzas de tráfico, faise imprescindible incrementar o número de prazas de aparcamiento a disposición dos monfortinos

O PP pide ao Goberno local que busque mecanismos para dotar de máis estacionamento ás zonas máis colapsadas

Julia Rodríguez descarta que a fórmula pase pola implantación da zona ORA e defende a negociación cos propietarios de solares aos que se lles poida ofrecer un aluguer a prezo de mercado

O Grupo Municipal do PP pídelle ao Goberno local que busque mecanismos para dotar de máis estacionamento ás zonas máis colapsadas, como poden ser aquelas que se atopan preto de servizos públicos, como o Malecón, zonas comerciais ou aquelas máis próximas aos colexios.

Os populares presentaron unha enmenda in voce no pasado Pleno que non logrou o apoio suficiente, polo que trasladarán de novo na próxima sesión a necesidade de articular fórmulas que, no marco do cumprimento das ordenanzas de tráfico, permitan incrementar o número de prazas de aparcamento a disposición dos monfortinos.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, descarta que a fórmula pase pola implantación da zona ORA. Defende que o Goberno local inicie unha negociación cos propietarios dos solares que poden servir a este fin aos que se lles deberá ofrecer un aluguer a prezo de mercado, para non repetir situacións nas que o prezo era moi superior ao de mercado, como ocorreu cando gobernaba o BNG.

O Grupo Municipal do PP explica que as reformas levadas a cabo en diferentes rúas da cidade trouxo consigo a redución do número de aparcamentos, unha situación que o Concello debe correxir, posto que se trata dun gasto que os populares sosteñen que redunda en beneficio dos veciños e veciñas, así como daqueles que nos visitan. 

Os populares abogan pola fórmula do aluguer de solares a disposición para incrementar o número de prazas nas que poder estacionar atendendo ás necesidades e problemas que xorden en numerosos puntos como a contorna das Clarisas, ou a Cale Doutor Goyanes, entre outros “lugares nos que non hai xeito de poder estacionar”.

Novas

Redes Sociais