Novas

Martes, 12 de abril de 2016

Os populares conseguiron o apoio do Pleno para que o Concello realice as xestións necesarias coa CHMS para conseguir un acordo que permita que os viais estean en condicións óptimas para o uso dos regantes e das persoas que non teñen outro acceso ás súas vivendas

O PP de Monforte demanda ao Goberno local que busque unha solución definitiva ao mantemento dos viais do servizo da canle

Julia Rodríguez pide que se atenda de xeito especial o arranxo da Rúa Manuel Murguía, tal e como solicita a Asociación de Veciños das Lamas

O Grupo Municipal do PP insta ao equipo de Goberno municipal a buscar unha solución definitiva á problemática do mantemento dos viais do servizo da canle que se usan como vías urbanas e, co mesmo fin, ao que atinxe á Rúa Manuel Murguía en particular, tal e como solicita a Asociación de Veciños das Lamas.

Neste sentido, os populares alcanzaron a unanimidade do Pleno a través dunha enmenda de adición para que o Concello faga averiguacións sobre a existencia dun antigo convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e os propios veciños en relación á cesión do terreo para o ensanche da pista con determinación das titularidades ou as obrigacións que dese acordo se derivasen para o Concello de Monforte.

O Grupo Municipal do PP considera que o Goberno local, tal e como se aprobou na sesión plenaria, debe facer as xestións necesarias coa CHMS a fin de alcanzar un acordo ou convenio que permita garantir o mantemento destes viais en condicións óptimas para o uso dos regantes, así como dos veciños que precisan facer uso dela.

Tras falar cos veciños afectados, a portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que debe articularse unha solución conxunta de mantemento das pistas que permita poñer fin ao problema, á vez que aclare o contido do convenio e clarifique cales son as titularidades e obrigacións do Concello en relación á pista. Tamén ve imprescindible buscar solucións para o seu adecuado mantemento, válidas para regantes e veciños.

Novas

Redes Sociais