Novas

Sábado, 16 de abril de 2016

Os populares critican que a menos dunha semana da celebración o Concello non anuncie ningún acto ou evento

O PP de Monforte denuncia a “incapacidade” do Goberno local para conmemorar o IV centenario do falecemento de Cervantes

Julia Rodríguez lamenta a inacción do alcalde e a súa torpeza para aproveitar un reclamo que podería atraer a máis xente á cidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia “a incapacidade” do Goberno local para conmemorar o IV centenario do falecemento de Cervantes. Os populares critican que “a menos dunha semana da conmemoración o Concello non anuncie nin presentara ningún acto que poña en valor o importante vínculo que une a un dos autores máis destacados da literatura universal con Galicia”.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que na web municipal tan só aparece un listado de actos do ano 2015 no que tan só figura unha actividade para este ano, sen especificar a data, tan só que será na primavera. “É máis, nin se ocuparon de actualizar a web institucional na que segue aparecendo o IV Centenario da publicación da 2ª parte do Quixote”, engade.

Os populares lamentan que “tralo deixamento do Goberno anterior” sucédelle outro igual “completamente incapaz de poñer en valor os vínculos de Monforte con Cervantes e aproveitar este elemento como un reclamo máis para atraer xente á cidade”.

“Tal é o deixamento do Goberno local que anuncian unha obra de teatro para este domingo con cargo á Rede Galega de Teatros e Auditorios (Don Quixote, unha comedia gastronómica), pero non se menciona en ningún momento que nos atopamos ante o cuarto centenario do falecemento do seu autor, desaproveitando a oportunidade de afondar nese recoñecemento.

Apoio do Parlamento

O pasado mes de febreiro a deputada autonómica defendeu unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular de Galicia para instar á Xunta a impulsar e acompañar as principais iniciativas culturais que se realicen en Galicia para conmemorar en 2016 o cuarto centenario do pasamento de Miguel de Cervantes, así como renderlle unha homenaxe ou seu mecenas, o VII Conde de Lemos.

Julia Rodríguez subliñou entón que se trata de “facer un recoñecemento de ambas figuras”, con especial relevancia para a cidade de Monforte.

“É moi triste que no caso de Monforte pola torpeza do alcalde non haxa ningunha iniciativa que impulsar nin acompañar”, conclúe

Novas

Redes Sociais