Novas

Mércores, 20 de abril de 2016

Os populares trasladan unha moción ao próximo Pleno na que lle piden ao Concello que requira á empresa FCC naquilo que sexa da súa competencia

O Grupo Municipal do PP demanda a eliminación de graffitis, a limpeza, o pintado e enlucido da pasarela do Parque dos Condes

Julia Rodríguez esixe que se leve a cabo unha actuación de adecentamento global da estrutura, que non pode permanecer no estado que presenta durante máis tempo

O Grupo Municipal do PP de Monforte insta ao equipo de Goberno a requerir á concesionaria da limpeza viaria, FCC, para que cumpra coa súa obrigación de eliminar os graffitis e pintadas existentes en edificios e espazos públicos, particularmente os que afean a pasarela do Parque dos Condes.

Os populares piden ademais que se leve a cabo unha actuación de adecentamento da pasarela do Parque dos Condes limpando ou pintando a parede e a parte metálica co obxectivo de que luza cun aspecto limpo e enlucido, acorde coa contorna no que se sitúa.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, insiste en que o Goberno local requira á empresa, e que posteriormente “vaia máis aló” e interveña naquelas zonas que presenten un estado tan lamentable como o da pasarela do Parque.

Rodríguez explica que o Parque dos Condes é un das contornas destacadas da cidade, pola súa céntrica ubicación, pola súa proximidade á zona monumental e por ser o principal parque da cidade. Explica que o parque está comunicado coa marxe dereita do río Cabe a través dunha pasarela metálica que ofrece unha imaxe lamentable polo estado de abandono e a falta de conservación que presenta, con numerosas pintadas e graffitis, e unha ausencia do mínimo mantemento que require esta estrutura na contorna no que se atopa.

O Grupo Municipal do PP considera “necesario” eliminar esas pintadas, esixíndolle á empresa concesionaria FCC que lle de cumprimento ao contrato que a obriga e proceda a eliminar os graffitis e pintadas que afean esta estrutura e a parede que a sustenta.

Os populares recordan que a obrigación de eliminar pintadas e grafittis aparece recollida no plego de condicións técnica que obriga a FCC, que deberá propoñer no seu plan de prestación de servizos un sistema para a limpeza de graffitis e pintadas en edificios ou espazos públicos no que defina a frecuencia proposta para efectuar esta limpeza debendo executar este servizo sempre que o intermediario coa administración solicíteo. Ao PP non lle consta, pese a figurar no contrato, que se lle estea dando cumprimento de ningún xeito a esta obrigación de eliminar graffitis e pintadas.

“Creemos que non só é preciso eliminar os graffitis e pintadas que afean a parede da pasarela, senón que é necesario limpala e pintala, igual que á estrutura metálica. “É imprescindible polo tanto, engade a portavoz, levar a cabo unha actuación de adecentamento global da pasarela que non pode permanecer no estado que presenta durante máis tempo”.

Novas

Redes Sociais