Novas

Venres, 29 de abril de 2016

Os populares consideran “incompleta” a valoración efectuada polo alcalde e aseguran que non van ser partícipes dun acordo que “novamente” poida prexudicar a todos os monfortinos

O PP esixe un informe detallado que recolla os prexuízos por incumprimentos que se lle poden reclamar a Aqualia

Julia Rodríguez demandará que se cuantifiquen todos os prexuízos que ao longo de todos estes anos o Concello tivo que soportar como consecuencia dos incumprimentos da concesionaria

O Grupo Municipal do PP de Monforte esixe ao Goberno local poder dispoñer dun informe detallado no que se recollan a totalidade dos prexuízos por incumprimentos que se lle poden reclamar a Aqualia, antes de tomar ningunha decisión e á vista de que a documentación presentada polo PSOE é “incompleta”. Os populares recordan que se trata dunha petición que xa realizaron no marco da comisión informativa e que o anterior equipo de Goberno decidiu desatender.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, lamenta o acordo que suscita o equipo de Goberno actual que, pese a estar disfrazalo de “acordo técnico” para facer borrón e conta nova, non ten en conta os prexuízos causados pola concesionaria derivados, entre outros, de sancións por vertidos, a falta de intervención na rede -o que provocou incrementos de consumo e os seus correspondentes custos-, ou as melloras comprometidas no contrato que non chegaron a materializarse, como o parque acuático ou o mirador no depósito de San Vicente.

A popular explica que tratan de compensar as cantidades que o Concello lle debe á concesionaria polo IPC, sen ter en conta as melloras que non realizou Aqualia e que ademais se deducen das cantidades que recoñeceu o anterior equipo de Goberno como investimentos aínda cando non o eran. Entre eses datos, os máis de 300.000 euros en sancións por vertidos ou os sobrecustos por non localizar fugas, de maneira que a depuradora soportaba o dobre de caudal, tal e como recollían os informes sobre do PXOM.

Un incumprimento continuado

O Grupo Municipal do PP demandará ao PSOE que cuantifique todos estes prexuízos que ao longo de todos estes anos o Concello tivo que soportar como consecuencia dos incumprimentos da concesionaria, tal e como xa demandaron no marco da comisión informativa.

“Non podemos entender que se aborde unha negociación tan importante sen coñecer exactamente todas as cantidades que o Concello estaría en disposición de reclamarlle á concesionaria”, engade a portavoz. Os populares afirman que non serán partícipes dun acordo que “novamente prexudicaría os intereses de todos os monfortinos e máis cando leva consigo unha subida moi importante das tarifas do auga para o ano 2017”.

Julia Rodríguez sostén que o anterior alcalde e o seu equipo de Goberno prexudicaron “dun xeito moi importante” coa súa mala xestión os intereses do Concello, “algo que non imos apoiar mentres non contemos con todos datos e toda a documentación necesaria”, conclúe.

Novas

Redes Sociais