Novas

Xoves, 12 de maio de 2016

Os populares afirman que están recibidas todas as obras de urbanización dos viais, de maneira que lle corresponde ao Concello abrir ao tránsito estas estradas para poder darlle saída a este acceso

O PP demanda que O Concello abra os viais do Porto Seco para darlle saída e poñer en servizo o acceso ata a LU-933

Julia Rodríguez afirma que daría servizo a moitos empresarios que se ubican na zona do Castelo nos seus desprazamentos cara a Lugo

O Grupo Municipal do PPde Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno na que propoñen que o Concello acorde a apertura e posta en servizo dos viais do Porto Seco para, a través deles e da Rúa Juan Montes, darlle saída cara a LU-546 á estrada que comunica a plataforma loxística coa LU-933. Demandan ademais que se inste á Xunta a poñer en servizo este acceso coa LU-933 unha vez que os viais do Porto Seco se abran ao tráfico.

O PP explica que o pasado 5 de maio se firmou o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Monforte para a execución e posta en funcionamento da depuradora do Porto Seco, polo que se dan por recibidas todas as obras de urbanización dos viais, de maneira que lle corresponde ao Concello abrir ao tránsito estas estradas para poder darlle saída a este acceso.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, indica que esta posta en servizo do acceso do Porto Seco coa LU-933 permitirá que as persoas que dende a zona do Castelo se dirixan cara a Lugo eviten o tránsito polo centro da cidade e viceversa.

Julia Rodríguez defende que a apertura desta estradadaría servizo a moitos empresarios que se ubican na zona do Castelo nos seus desprazamentos cara a Lugo.

A Xunta impulsou a infraestrutura

Os populares recordan que o Convenio que daba saída ao Porto Seco se firmou no ano 2000, pero non foi ata o ano 2010, que o actual goberno da Xunta lle deu o impulso necesario, acometendo as obras de urbanización e posteriormente as do acceso coa LU-933 a pesar da situación de crise que estabamos a vivir.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que a redución do prezo do solo e a declaración de proxectos singulares a dúas empresas interesadas en implantarse no Porto Seco, fixo que os monfortinos e os veciños da comarca de Lemos“recuperaramos a confianza neste proxecto e na posibilidade de que a realidade da infraestrutura se convertera pronto nunha realidade empresarial”.

A Xunta cumpre con Monforte

En data recente, precisa o PP, coñecemos que o mal estado de mantemento e conservación que presenta a rede e as instalacións do saneamento urbano de Monforte impedían conectar o saneamento do Porto Seco á rede urbana, o que imposibilitaba a obtención de licencias e, como consecuencia, a implantación de empresas no Porto Seco.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no afán de favorecer a posta en servizo desta plataforma, foi quen de elaborar un proxecto para solventar os problemas de saneamento do Porto Seco e mesmo colaborar economicamente co 50% do custe da depuradora.

“A Xunta de Galicia fixo un importante esforzo económico para comunicar esta infraestrutura coa LU-933 e segue a traballar para darlle continuidade ata a N-120”, incide Rodríguez.

O acceso do Porto Seco coa LU-933 está remata e lista para a súa posta en servizo, pero en tanto non se execute o acceso coa LU-546, obra moi ambiciosa técnica e orzamentariamente, a única forma de poñer en servizo a estrada que xa está rematada, é dándolle saída cara a LU-546, a través da C/Juan Montes e dos viais do Porto Seco.

Novas

Redes Sociais