Novas

Mércores, 18 de maio de 2016

Os populares consideran “inaceptable” que o rexedor avance agora que non tomará decisións sobre Aqualia ata logo dos comicios

O PP acusa ao alcalde de tomar a decisión de subir a auga aos monfortinos e ocultalo para evitar o seu desgaste nas eleccións

Julia Rodríguez denuncia “a incapacidade e o nulo interese” do equipo de Goberno por cuantificar as cantidades que se lle poden reclamar á concesionaria

O Grupo Municipal do PP de Monforte acusa ao alcalde de tomar a decisión de subir a auga a todos os monfortinos e ocultalo para evitar o seu desgaste nas eleccións. Así se desprende das declaracións que hoxe publica un medio de comunicación nas que o rexedor asegura que será en outubro cando se retome o conflito aberto con Aqualia, momento no que haberá que elaborar as ordenanzas fiscais que estarán vixentes o próximo ano.

Nese mesmo medio o alcalde recoñece que “o actual contexto de precampaña non parece ou ideal para tomar unha decisión tan trascendente”.

“O certo, é, explica a portavoz do PP, Julia Rodríguez, que á vista destas declaracións o señor Tome xa acordou coa empresa que se fará a subida do auga, pero non lle interesa comunicarllo aos veciños e veciñas para que non lle afecte na campaña electoral”. Os populares consideran estas declaracións e as manobras do rexedor “inaceptables”, polo que insistirán en dispoñer canto antes “dun informe detallado no que se recollan os prexuízos e incumprimentos que se lle poden reclamar a Aqualia.

Nulo interese por dispoñer de datos

Así, os populares recibiron un escrito do Concello con data do 16 de maio rubricado polo alcalde no que se recoñece que para cuantificar os prexuízos sufridos polo Goberno local “deberíamos contar con informes técnicos que valorasen os prexuízos, xa que esta Intervención carece de criterio técnico para cuantificalos”.

Á vista do informe, os populares denuncian “a incapacidade e o nulo interese” do equipo de Goberno por cuantificar as cantidades que se lle poden reclamar á concesionaria, xa que non anuncian que se vaia a levar a cabo o traballo solicitado polo Partido Popular. “Non parece que vaian facer o máis mínimo esforzo por pescudar os datos solicitados sen os cales, replica a popular, non podemos realizar ningún cálculo preciso para resolver a negociación”, engade.

O Grupo Municipal do PP considera “insuficiente e revelador” o informe entregado polo alcalde e pídenlle que “deixe de mentir aos monfortinos dunha vez por todas e lles conte as súas intencións reais, que non son outras que as de subir a auga. Esa é a súa solución ao conflito con Aqualia”, resume.

Novas

Redes Sociais