Novas

Xoves, 29 de agosto de 2013

O Grupo Municipal do PP aposta por evitar o estacionamento nas inmediacións do cruce ou pola colocación dun espello que facilite un ángulo de visibilidade suficiente.

O PP demanda que se adopten medidas de seguridade viaria na confluencia das Rúas Pontevedra, A Coruña e Caneiro con Doutor Casares

Julia Rodríguez pide que se actúe sobre o mal estado de pintura dos pasos de peóns da cidade, sobre todo no barrio da Estación

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden ao Goberno local que adopte as medidas necesarias que garantan a seguridade viaria na confluencia das Rúas Pontevedra, A Coruña e Caneiro con Doutor Casares e que leve a cabo as tarefas de mantemento necesarias nos pasos peonís da cidade, a través do seu repintado, especialmente no barrio da Estación.

O PP afirma que a súa moción responde ás queixas de numerosos veciños nas que advertían de diversas circunstancias que dificultan a incorporación dos vehículos nas rúas mencionadas cara a Doutor Casares, o que xera risco para os transeúntes que cruzan a estrada e ten provocado reiterados accidentes nese tramo.

Os populares refírense en concreto á existencia habitual de vehículos estacionados na confluencia entre a saída da Rúa Pontevedra e Doutor Casares, un feito que dificulta a visibilidade e obriga aos vehículos a introducirse parcialmente en Doutor Casares para poder realizar a manobra. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que o risco pódese evitar facilmente adoptando medidas para evitar o estacionamento nas inmediacións do cruce ou coa colocación dun espello que facilite un ángulo de visibilidade suficiente.

Os populares denuncian tamén que o estacionamento habitual de vehículos nas inmediacións do cruce da Rúa do Caneiro con Doutor Casares dificulta a visibilidade con respecto ao tráfico desta ultima procedente de Morín, pese á existencia dun espello no lugar, o que obriga a introducirse parcialmente na vía. Novamente o risco veríase reducido, opinan desde o PP, adoptando medidas para evitar o estacionamento de vehículos nas inmediacións da intersección.

Mal estado dos pasos de peóns

O PP fai fincapé ademais no mal estado de pintura no que se atopan os pasos de peóns na zona, de maneira que son pouco apreciables para os condutores. Os populares refírense ademais á ubicación de pasos de peóns e contedores que provocan que non se poidan apreciar coa debida antelación a presenza de peóns con intención de cruzar, co risco que isto representa.

Julia Rodríguez asegura que o mal estado dos pasos peonís apréciase "en moitas máis zonas da cidade", pero especialmente no barrio da Estación onde fóra deses dous casos, "todos os demais presentan un estado de pintura moi deficiente".

Novas

Redes Sociais