Novas

Martes, 24 de maio de 2016

Os populares consideran que o local, polo que o equipo de Goberno paga 338 euros ao mes, debe ser utilizado como centro de recepción de peregrinos, interpretación e divulgación do Camiño de Inverno

O PP solicita ao Concello que ceda a planta baixa do Hotel Comercio á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

Julia Rodríguez pide que o Goberno local reforce a limpeza e mantemento dos camiños deste municipio polos que discorre o trazado

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que o Goberno local acorde a cesión do local da planta baixa do antigo Hotel Comercio, situado na Praza Doutor Goyanes, á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra co fin de que sexa utilizado como centro de recepción de peregrinos, interpretación e divulgación do Camiño de Inverno. Para iso, instan ao equipo de goberno a efectuar as xestións necesarias, incluídas as que resulten pertinentes co organismo titular do inmoble, -o IGVS-.

Os populares demandan ademais que o equipo de goberno reforce a limpeza e mantemento dos camiños deste municipio polos que discorre o Camiño de Inverno, a fin de mantelos nun estado óptimo, sen prexuízo de actuacións futuras que se estimen necesarias. A maiores, o Grupo Municipal do PP pide incluír o trazado do Camiño de Inverno na normativa urbanística que se estea elaborando ou se vaia a elaborar no futuro (PEPCHA e PXOU).

O PP fai un recoñecemento expreso na súa iniciativa á Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, -e aos seus responsables en particular-, “que nunha labor inxente ao longo destes anos, perseveraron na recuperación, difusión e posta en valor desta importante ruta de peregrinación”.

Os populares recordan que o pasado 26 de abril o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de Patrimonio Cultural na que se inclúe o Camiño de Inverno entre as rutas principais dos Camiños a Santiago, “o que abre unha gran oportunidade para toda a Ribeira Sacra e para a nosa localidade en particular, que debemos favorecer por todos os medios posibles”.

Uso indebido dos recursos públicos

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, explica que o Concello de Monforte vén soportando desde fai anos o aluguer de inmobles sen facer uso algún dos mesmos. Un deses inmobles é o baixo do local sito na planta baixa do antigo Hotel Comercio na Praza Doutor Goyanes, polo que se pagan 338 €/mes entre aluguer e comunidade, sen darlle utilidade algunha, “o que representa un uso indebido dos recursos públicos”. “Urxe darlle utilidade ao local, a fin de que ese gasto mensual derivado do aluguer non deveña inútil como ocorre desde fai anos”, engade.

Inclusión na normativa urbanística

Os populares advirten que na redacción do último PXOU de Monforte non existía referencia algunha ao Camiño de Inverno, polo que consideran que esta ruta de peregrinación debe incluírse en calquera caso e ter reflexo, pola súa importancia, no PXOU de Monforte, cando se retomen os labores de redacción do mesmo, da mesma forma que xa se incluían outros proxectos futuros, menos viables a curto prazo.

“Consideramos que igualmente debe ter reflexo esta ruta na redacción do PEPCHA, por canto o trazado do Camiño discorre por zonas do casco antigo”, precisa a portavoz. Cuestión que o Grupo Municipal do PP xa elevou a este Pleno en data outubro de 2013, sen constancia de que se lle deu cumprimento, máis aló da inclusión dun enlace na páxina web do Concello, que tamén se solicitase.

Novas

Redes Sociais