Novas

Luns, 30 de maio de 2016

Os populares presentan unha moción para o Pleno de hoxe na que piden que o Concello leve a cabo as xestións necesarias para facerlle un recoñecemento no exterior do local onde se emprazou a librería Xistral

O Grupo Municipal do PP propón a colocación dunha placa en memoria de Manuel María

Julia Rodríguez considera importante manter a lembranza dese entorno para as xeracións vindeiras

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o Pleno deste luns na que propón a colocación dunha placa en memoria de Manuel María no exterior do local onde se emprazou a librería Xistral ou, de non poder ser nese espazo, no exterior do edificio.

Os populares explican na súa moción que para os monfortinos Manuel María non só é un importante referente da literatura galega, “el era un veciño máis, unha persoa coñecida e apreciada que compartiu con nós moitos momentos, na súa actividade como procurador, na súa vertente política, pero sobre todo compartiu o seu talento literario que permanecerá para as vindeiras xeracións”.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que somos moitos os monfortinos “que recordamos a Manuel María na súa mesa da librería Xistral, que convertera coa súa dona Saleta nun centro de dinamización cultural. Os populares lamentan que se perda a lembranza dese local, onde o poeta dedicara tantas horas ao seu traballo literario.

Por iso, o Grupo Municipal do PP considera importante manter a lembranza dese entorno como unha referencia para que as xeracións vindeiras teñan presente que alí, nese local das Galerías Fontecha da nosa cidade, estivo a Librería Xistral, vencellada xa inescusablemente á figura de Manuel María.

Por todo o anterior, o PP insta ao equipo de Goberno a facer as xestións necesarias para colocar unha placa no exterior do local onde se emprazara a Librería Xistral, ou no exterior do edificio, en memoria de Manuel María e do traballo literario desenvolvido durante anos nese local polo escritor chairego.

Novas

Redes Sociais