Novas

Martes, 31 de maio de 2016

Os populares critican que o rexedor anuncie un gasto no local de 15.000 euros sen concretar a que pensa destinalo

O PP afea a falta de vontade política do alcalde ao negarse a cederlle o baixo do Hotel Comercio á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

Julia Rodríguez considera que se perde “unha oportunidade” extraordinaria para recoñecer o traballo da asociación e darlle continuidade á súa tarefa

O Grupo Municipal do PP afea a falta de vontade política do alcalde que no Pleno de onte negouse a ceder o baixo do Hotel Comercio, situado na Praza Doutor Goyanes, á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra co fin de que fose utilizado como centro de recepción de peregrinos, interpretación e divulgación do Camiño de Inverno. Os populares lamentan ademais a negativa do BNG e de Esperta Monforte a esta cesión.

O PP non comparte a negativa do equipo de goberno a efectuar as xestións necesarias, incluídas as que resultasen pertinentes co organismo titular do inmoble, -o IGVS- para ceder este local e consideran que o alcalde “quedouse sen argumentos” que o xustificasen.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, expón que esta actitude do señor Tomé “non demostra o recoñecemento que a tarefa da Asociación merece, senón que lle dá as costas”. Os populares consideran que ceder este local podería resultar un revulsivo para a cidade, o mesmo que implicala no que está chamado a ser o futuro de camiño de Inverno.

Os populares defenderon a existencia dun local no que non só se reciban peregrinos, senón un espazo específico, céntrico e moi visible no que se divulgue o Camiño e recíbase ao peregrino. “Non vemos un local máis apropiado para este fin”, engadiu Rodríguez.

Aumentar o gasto sen ter un plan

O Grupo Municipal do PP critica ademais o anuncio feito onte no Pleno polo rexedor no que asegurou que gastará 15.000 euros no baixo do Hotel Comercio sen aclarar que plans ten para ese espazo. “Non só está gastando 338 euros ao mes cando o mantén pechado senón que agora di que gastará 15.000 euros sen precisar cal é o obxectivo”, lamentan os populares.

Julia Rodríguez avogou por concentrar todos os esforzos naqueles elementos que definen o futuro de Monforte “como son o desenvolvemento do Porto Seco, o Camiño de Inverno e a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial”.

Falta de respecto do alcalde

Os populares censuran a actitude do alcalde coa asociación, cuxos membros participaron onte no Pleno. “O alcalde faltou ao respecto dos veciños e veciñas ao falar da necesidade de contar con seguridade no Pleno cando eles tan só mostraron o seu malestar, o mesmo que ocorreu noutras ocasións en sesións da Corporación”.

Rexeitan ademais as insinuacións do equipo de Goberno sobre a presenza da Asociación no Pleno, “posto que se trata de sesións abertas á cidadanía”. O alcalde debería estar orguioso de que os cidadáns participen no Pleno e non “actuar de xeito irracional” cando así ocorre, conclúe.

Novas

Redes Sociais