Novas

Monforte, 16 de junio de 2016

Os populares pregúntanlle ao rexedor por que non mantivo a mesma postura cando o ministro do PSOE José Blanco lle cedeu a Rúa Ourense ao Concello

O PP de Monforte critica que o alcalde non valore “a solución definitiva” que a CHMS ofrece aos vecinos de Manuel Murguía

Julia Rodríguez acusa ao alcalde de no ter realizado “nin unha sola xestión” para que a cidade conte con praia fluvial

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o alcalde non valore “a solución definitiva” que a Confederación Hidrográfica Miño Sil ofrece para reparar a pista da canle a través dun acordo co Concello polo cal se regularían as condicións de execución das obras necesarias ante o deterioro que presenta o vial.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que a oferta do organismo público suporía “darlle unha solución definitiva” ao problema dos veciños da Rúa Manuel Murguía para unha pista que, non só presta servizo á canle, senón que é un vial de paso para todos os veciños. O PP recorda ademais que a metade da pista é de titularidade municipal, xa que os veciños cederon ese terreo ao Concello no seu momento.

O Grupo Municipal do PP valora e agradece a proposta formulada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, posto que ofrece reparar a rúa con aglomerado en quente, a renovación de rexistros, limpeza de cunetas e pintado de viais.

A popular pregúntalle ao alcalde por que motivo no seu día aceptou que o ministro de Fomento, o socialista José Blanco, cedese a Rúa Ourense para que logo o Concello asumise o mantemento de toda a vía, pero agora considera a solución da CHMS unha pataca quente. “Que lle explique aos veciños por que o que antes lle parecía ben agora non lle vale?”, engade.

Ademais de rexeitar esta actitude “incomprensible” por parte do señor Tomé Roca os populares alertan do feito de que o alcalde decidira incumprir de xeito sistemático os acordos alcanzados pola maioría do Pleno, como ocorre coa moción do PP na que se pedía articular unha solución ao problema das pistas da canle.

A praia fluvial, outra promesa incumprida

En relación coa adecuación dun espazo de baño para os monfortinos, os populares lamentan as palabras do alcalde nas que asegura que non se trata dunha prioridade. Julia Rodríguez precisa ademais que se trata doutra promesa incumprida do rexedor, “un asunto que decidiu deixar ao carón”, posto que a día de hoxe, un ano logo de tomar posesión, non pediu nada á CHMS para avanzar na súa consecución.

“Di que non lla darían pero para sabelo sería necesario solicitalo previamente”, critica a portavoz, quen engade que se trata dun compromiso que fixara no seu programa. “Outra promesa máis á que non lle dá cumprimento e un traballo que desatende”, conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais