Novas

Monforte, 20 de xuño de 2016

A portavoz do PP rexeita que se pretenda limitar o número de iniciativas que presenta a oposición, os tempos de intervención, así como establecer mecanismos para expulsar aos membros da Corporación e para desaloxar ao público polas súas manifestacións

Julia Rodríguez ve no regulamento orgánico que propón o alcalde “o autoritarismo e prepotencia de quen quere limitar á oposición no exercicio da súa tarefa”

O Grupo Municipal Popular indica que esta proposta “revela unha actitude ditatorial que non se corresponde co escaso apoio que ten na Corporación”

O Grupo Municipal do PP de Monforte ve no regulamento orgánico que pretende aprobar o alcalde no próximo Pleno “o autoritarismo e prepotencia de quen quere limitar á oposición no exercicio da súa tarefa”.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, indica que esta proposta “revela unha actitude ditatorial que non se corresponde co escaso apoio que ten na corporación”. Engade que “nin sequera nos períodos de maiorías absolutas se pretendeu limitar deste xeito a actividade fiscalizadora da oposición nin se prestou tan pouco respecto polo público presente no salón de plenos”.

A popular sospeita ademais que as ameazas do alcalde con respecto á seguridade do Pleno pretende cumprilas agora aprobando esta proposta de regulamento orgánico.

Proposta para desaloxar o Pleno

Os populares censuran que se adiquen varios artigos a regular o desaloxo do Pleno por manifestacións do público, a prohibición de que os membros da Corporación se dirixan ao público, chamadas á orde por desviarse do debate ou volver sobre cuestións xa debatidas, a expulsión en caso de 3 chamadas á orde, ou a posibilidade de non incluír na orde do día propostas que conteñan expresións insultantes ou contrarias á cortesía.

O texto establece tamén unha posible demora na convocatoria de sesións extraordinarias que solicite a oposición de ata 15 días e si non o fai, celebrarase noutros 10 días de forma obligatoria. Deste xeito, os populares precisan que para un asunto de importancia este tipo de convocatoria perdería interese posto que se celebraría antes un pleno ordinario.

O rexedor propón ademais que sexa el mesmo quen poida prolongar as sesións máis aló das doce da noite. Se non o fai, os asuntos non debatidos quedarían para a seguinte sesión.

Ademais, reduce o tempo da primeira intervención a cinco minutos e establece a segunda rolda de 3 minutos só si se solicita.

Por se isto fose pouco, explica o PP, a proposta limita o número de iniciativas plenarias a 4: 2 mocións, un rogo e unha pregunta, ou 2 mocións e 2 rogos ou 2 mocións e dúas preguntas. As preguntas hai que presentalas ademais para que sexan incluídas na orde do día con 6 días de antelación e non se admitirán se son reiterativas doutras presentadas ao longo do ano.

Por todo o anterior, a portavoz do PP de Monforte considera que o regulamento orgánico que pretenden aprobar o alcalde é “un reflexo da falta de ideas do señor Tomé para resolver cuestións controvertidas e problemas que xa xurdiron e poden repetirse no futuro como o reparto da representación en distintos órganos”. Como exemplo a popular cita o reparto nos consellos escolares que o texto proposto polo equipo de Goberno non recolle.

Censura ademais que o alcalde manifestase que non vai cumprir os acordos plenarios cando así o estime e agora queira limitar o número de iniciativas que pode presentar a oposición. Os populares consideran este texto unha proposta “retrógrada e inasumible”, polo que avanzan que non a apoiarán.

Novas

Redes Sociais