Novas

Sábado, 31 de agosto de 2013

A portavoz do PP de Monforte "nega de xeito categórico" que o seu partido teña responsabilidade algunha co sucedido

Julia Rodríguez invita ao portavoz do PSOE a acudir ao Xulgado "se coñece a identidade dos autores das pintadas nas que o insultaban"

O Grupo Municipal do PP considera que Tomé Roca debe desculparse, pero en ningún caso atribuír a responsabilidade a un partido político nin á súa militancia, posto que "ningún coñecemento, ningunha responsabilidade nin ningún vínculo teñen con estas actuacións"

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, invita ao portavoz do PSOE a acudir ao Xulgado "se coñece a identidade dos autores das pintadas nas que o insultaban a el e ao rexedor local en relación co IBI". A portavoz realiza estas declaracións despois de que Tome Roca anunciase nun medio de comunicación local que hai "quen viu á xente que as fixo" para, a continuación, insinuar que quen se atopa detrás é o PP.

As palabras do portavoz do PSOE foron as seguintes:

"Dígolle á voceira do PP que sexa cautelosa porque hai xente que pode entender as súas mentiras de xeito inadecuado e producirse pintadas ofensivas contra quen nada ten que ver neste tema. A min persoalmente non me afectan, pero sí lle afecta á xente do meu partido porque se ven reflectidos nese tipo de actuacións e como todo ou mundo anda fóra, sempre pode haber outro que o ve e hai persoas que viron á xente que fixo este tipo de pintadas. Diríalle que moderen a eses cachorros".

O Grupo Municipal do PP nega de xeito categórico as acusacións vertidas "alegremente e sen o mínimo rigor" polo portavoz do PSOE con respecto á responsabilidade das pintadas. Julia Rodríguez considera que se trata dunhas declaracións "irresponsables" nas que se lles falta o respecto a "todos e cada un dos militantes do PP" e engade que "se está tan seguro de quen as efectuou, o que debe facer é acudir ao Xulgado e non utilizar o anonimato de ninguén para realizar unha acusación así".

"As persoas afíns ao PP e a súa militancia non ten que ser definida con ese cualificativo por parte do portavoz do PSOE que se ten coñecemento de quen fixo esas pintadas e se sinte inxuriado o que ten que facer é dirixirse ao Xulgado, pero en ningún caso atribuír a responsabilidade a un partido político nin á súa militancia, posto que ningún coñecemento, ningunha responsabilidade nin ningún vínculo teñen con estas actuacións", engade a portavoz.

"Como portavoz do Grupo Municipal Popular non se me ocorrería dicir que as pintadas que existen na cidade contra o PP, que tamén as hai, son responsabilidade do PSOE ou do BNG nin da súa militancia".

A portavoz do PP cre que Tomé Roca debe desculparse e actuar "con maior responsabilidade" atendendo ao cargo que ocupa na Corporación local, xa que se limitou a vincular aos populares cuns feitos "reprochables" sen aportar unha soa proba para iso.

Novas

Redes Sociais