Novas

Monforte, 29 de xuño de 2016

A proposta está dirixida a mellorar as condicións de uso e acceso ao centro para alumnos, profesores e familias

O PP de Monforte traslada ao Goberno local as demandas do IES Río Cabe

Os populares fanse eco das peticións dos responsables do centro: melloras de seguridade vial, iluminación, así como espazos de estacionamento na contorna do centro

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta un rogo no pleno desta tarde no que traslada as demandas que lles fixeron chegar os responsables do IES Río Cabe dirixidas a mellorar as condicións de uso e acceso ao centro para alumnos, profesores e familias.

En concreto, solicitan a mellora do alumeado público no tramo da Rúa San Pedro, xusto á saída do centro, onde os alumnos cruzan dun lado a outro sen contar cunha iluminación suficiente. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que esta situación resulta perigosa, principalmente nas últimas horas da xornada e de xeito especial nos meses de inverno.

Piden ademais a colocación de reductores de velocidade, a modo de lombos de asno, igual que existen noutras rúas menos transitadas e que presentan menos riscos para os usuarios. Tamén demandan o traslado dos contenedores existentes na Rúa San Pedro, na frontal do centro, e se instalen na Rúa Cachafeiro a fin de dotar de máis espazo dispoñible nas horas punta de saída de escolares cando se concentran os vehículos particulares e os buses escolares que recollen aos alumnos, o que dificulta o estacionamento e crea problemas de seguridade vial.

A maiores, o centro suxire que, posto que existe un convenio de uso co Concello en relación ao polideportivo, tamén o Goberno local contribúa á eliminación da maleza que circunda o pabellón, especialmente naqueles períodos de maior crecemento da vexetación.

Os populares invitan ao Goberno local a aproveitar as vacacións dos escolares para acometer estas melloras trasladadas polo propio centro.

Felicitacións ao centro

O Grupo Municipal do PP aproveita a presentación deste rogo para felicitar ao Río Cabe no seu 50 aniversario. Destacan que se trata dun centro “de referencia na cidade” que durante anos foi a única opción para moitos monfortinos que querían continuar cos seus estudos ata acceder á Universidade.

Novas

Redes Sociais