Novas

Monforte, 30 de xuño de 2016

Os populares pídenlle ao alcalde que cumpra o acordo adoptado no Pleno de onte para poñer fin ao problema que viven os veciños polo mal estado da vía

O PP esixe ao Concello que axilice o acordo coa CHMS para arranxar de forma definitiva a Rúa Manuel Murguía

Julia Rodríguez sostén que a pista quedará impecable, polo que pide ao alcalde “altura de miras” e que facilite este investimento

O Grupo Municipal do PP de Monforte esíxelle ao Concello que axilice o acordo coa CHMS para arranxar e resolver de modo definitivo o problema do mal estado e a falta de arranxo da vía que desde fai tempo soportan os veciños e veciñas da Rúa Manuel Murguía trala aprobación por parte do Pleno da moción dos populares. En concreto, a moción do PP recibiu o apoio do BNG e de Esperta Monforte, pero o PSOE votou en contra.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, demanda ao alcalde “altura de miras” e que facilite que a Confederación faga un investimento importante, aínda que logo manteña esa pista o Concello. “Vai quedar impecable, polo que a intervención do Concello pode non ser necesaria ata dentro de varios anos, de feito, apuntou, hai moitas rúas en Monforte que necesitan máis mantemento do que vai requirir esta pista”, expón Rodríguez.

Recordou ademais que o PSOE non mostrou oposición algunha cando Fomento cambiou a titularidade da Rúa Ourense cuxo mantemento asume o Concello, e precisou que neste caso só cambia o uso, non a titularidade.

Os populares aceptaron ademais unha transacción para incorporar a moción presentada polo BNG na que solicitaban, en esencia, o xa suscitado polo PP.

A moción aprobada no pleno de onte insta ao equipo de goberno a aceptar a proposta da CHMS a fin de alcanzar un acordo ou convenio que permita garantir o mantemento destes viais en condicións óptimas para o uso dos regantes e das persoas que teñen como único acceso ás súas vivendas estes viais.

Unha solución definitiva

A CHMS ofrece acondicionar este tramo do camiño de servizo da canle da marxe dereita, comprendido entre a Estrada de Currelos e a de Chantada e que consistiría non nun mero rebacheo senón nunha solución máis definitiva coa extensión dunha capa de rodadura a base de aglomerado, sobre a que se regularizarían tápalas de rexistro existentes, procedendo ao perfilado e limpeza das cunetas e o pintado das marcas viais.

Os populares explican que esta solución, que representaría un importante investimento no vial por parte de CHMS, e a súa entrega en óptimas condicións ao Concello, que debería mantelo no futuro, resolvería a situación dos veciños, que tendo como único acceso unha vía que leva o nome como calquera outra vía urbana, non está sendo obxecto do debido arranxo e mantemento.

Novas

Redes Sociais