Novas

Monforte, 2 de xullo de 2016

Os populares desvelan que o Goberno local non solicitou a inclusión como zona de baño da área recreativa de Ribasaltas nin ningunha outra zona, tal e como acordara o Pleno fai case un ano

O PP esixe ao alcalde explicacións por non facer “nin unha soa xestión” para que Monforte teña praia fluvial en Ribasaltas

Julia Rodríguez lamenta a deixadez do rexedor, o que fará que “un ano máis os monfortinos non conten cun área pública para o seu lecer de verán”

O Grupo Municipal do PP de Monforte esixe ao alcalde explicacións por non facer “nin unha soa xestión” para que Monforte teña praia fluvial en Ribasaltas. Así se desprende dun informe da Consellería de Sanidade no que pode lerse que desde o ano 2013 “non se recibiu ningún informe do Concello no que se indique que se realizaron obras ou actuacións na praia fluvial que eliminen as causas que motivaron a súa exclusión do censo oficial de zonas de baño”. Un informe imprescindible para poder incluíla no programa de vixilancia sanitaria e poder metela no censo oficial de zonas de baño.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, afea a falta de iniciativa do rexedor para recuperar a zona de Ribasaltas como espazo de lecer e zona de baño, pese a existir acordos plenarios neste sentido e de tratarse da zona máis apropiada para situar este tipo de áreas, con posibilidades de aparcamento e de lecer para todos os veciños e veciñas.

Os populares contactaron ademais coa CHMS quen confirma que o Concello non presentou solicitude algunha para a autorización da praia fluvial desde que Goberna o señor Tomé.

Por todo o anterior, a portavoz do PP, Julia Rodríguez lamenta o deixamento do rexedor, o que fará que “un ano máis os monfortinos non conten cun área pública para o seu lecer de verán”. Os populares pídenlle ao alcalde que se poña as pilas e faga o seu traballo para que este sexa o último ano no que Monforte non conte con zona de baño pública.

Novas

Redes Sociais