Novas

Mércores, 27 de xullo de 2016

Os populares pediron onte que o acordo presentando polo alcalde quedase enriba da mesa ao non dispoñer de toda a información necesaria, pese a existir un acordo plenario que xa lle obrigaba a realizar estes informes

O PP de Monforte esixe que o informe sobre Aqualia recolla os prexuízos e incumprimentos que se lle poden reclamar á empresa, tal e como aprobou o Pleno

Julia Rodríguez considera “sumamente irresponsable” que o alcalde tratase de forzar un acordo “sen contar co apoio de ningún dos grupos da Corporación” e sen coñecer o alcance real da reclamación que podería facérselle a Aqualia

O Grupo Municipal do PP de Monforte pediu no Pleno de onte que o acordo con Aqualia que suscitaba o equipo de Goberno quedase sobre a mesa ata que o Concello conte cun informe que recolla os prexuízos e incumprimentos que se lle poden reclamar á concesionaria. Os populares recordan que se trata dunha iniciativa que foi aprobada, a petición do PP, polo Pleno da Corporación, polo que debe ser atendida “antes de tomar ningunha decisión que poida hipotecar a todos os monfortinos durante anos”.

Os populares mostraron onte a súa sorpresa “porque agora o alcalde decida solicitar este informe ao ver que estaba só no seu apoio a Aqualia, cando xa existe un acordo de Pleno de fai varios meses que incumpriu”. Recordaron que lle deron ao rexedor a posibilidade de trasladar a consulta aos servizos xurídicos da Deputación ou ata recorrer a un informe externo, sen que o señor Tomé amosara disposición. Julia Rodríguez considera “sumamente irresponsable” forzar este acordo sen contar con ningún apoio, polo que insistiron na necesidade de deixalo sobre a mesa.

Información incompleta

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explicou que o acordo proposto polo Goberno local non ten en conta os prexuízos causados pola concesionaria derivados, entre outros, de sancións por vertidos, a falta de intervención na rede, o que provocou un maior consumo, ou os investimentos comprometidos no contrato que non chegaron a materializarse, como o parque acuático ou o mirador no depósito de San Vicente, entre outras.

A popular explica que tratan de compensar as cantidades que o Concello lle debe á concesionaria polo IPC, sen ter en conta as melloras que non realizou Aqualia e que ademais se deducen cantidades que recoñeceu o anterior equipo de Goberno como investimentos aínda cando non o eran. Entre eses datos, os máis de 300.000 euros en sancións por vertidos ou os sobrecustos por non localizar fugas, de maneira que a potabilizadora soportaba o dobre de caudal, tal e como recollían os informes do PXOM.

Un incumprimento continuado

O Grupo Municipal do PP demanda ao PSOE que cuantifique todos estes prexuízos que ao longo de todos estes anos o Concello tivo que soportar como consecuencia dos incumprimentos da concesionaria, tal e como xa solicitaron no marco da comisión informativa e como esixe un acordo plenario.

“Non podemos entender que se aborde unha negociación tan importante sen coñecer exactamente todas as cantidades que o Concello estaría en disposición de reclamarlle á concesionaria”, engade a portavoz. Os populares afirman que non serán partícipes dun acordo que “novamente perxudica os intereses de todos os monfortinos e máis cando leva consigo unha subida das tarifas do auga para os próximos catro anos”.

Novas

Redes Sociais