Novas

Mércores, 3 de agosto de 2016

Os populares aseguran que o rexedor o único que pretende “é bloquear a proposta da Asociación de Camiños a Santiago, movido polos seus intereses políticos e non polos intereses da cidade e de todos os monfortinos”

O PP de Monforte considera un despropósito que o alcalde non aproveite o enorme potencial do Hotel Comercio ao destinalo a fins loxísticos

Julia Rodríguez considera “lamentable” destinar un local de 121 metros cadrados a ser usado como “almacén”

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o alcalde pretenda destinar o baixo do Hotel Comercio, situado na Praza Doutor Goyanes, como local de loxística para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ao considerar que con este fin “estase desaproveitando o enorme potencial que ten este espazo”.

“Parécenos un despropósito a proposta suscitada polo rexedor monfortino, pois un local cunhas dimensións de 121 metros cadrados, coa privilexiada ubicación que ten o baixo do Hotel Comercio que se atopa nun edificio emblemático de Monforte, non pode ser destinado exclusivamente a fins loxísticos”, precisa a portavoz popular, Julia Rodríguez.

“Non se pode comprender que o señor Tomé se negue a poñer o baixo do Hotel Comercio a disposición da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra que está disposta a xestionar alí de modo voluntario un centro de recepción de peregrinos, interpretación e divulgación do Camiño de Inverno e en cambio llo ofreza ao consorcio para destinalo como almacén”, apunta.

A popular asegura que “parécenos moi ben que o consorcio teña a súa sede en Monforte, se así se decide, pero o Concello dispón doutros locais que poden servir para cubrir estas necesidades”. Rodríguez apóiase nas declaracións do propio presidente do consorcio, quen asegurou que este espazo excede con creces as necesidades da organización.

Rodríguez considera que esta actitude do alcalde “está claramente movida por intereses políticos e non polos intereses da cidade e dos monfortinos e monfortinas”.

Tomé dálle as costas de novo á cidadanía

Os populares aseguran que “o señor Tomé dálle as costas de novo á Asociación e por tanto aos veciños e á cidade de Monforte, ao non recoñecer a importante tarefa levada cabo por esta entidade para promocionar o Camiño de Inverno que supón un importante revulsivo para a localidade”.

“O alcalde só quere confrontación e rexeitamento a unha proposta, pero en realidade está rexeitando e confrontando coa opinión maioritaria da sociedade monfortina”, precisa a portavoz.

Rodríguez defendeu, de novo, que consideran este local idóneo para esta finalidade ao tratase dun espazo “céntrico, moi visible e ideal para que se divulgue o Camiño e recibir aos peregrinos”. “Non vemos en Monforte un local máis apropiado para este fin”, conclúe.

Novas

Redes Sociais