Novas

Monforte, 29 de agosto de 2016

Os populares dan a coñecer un informe de Intervención que advirte que o Concello non está tramitando debidamente a autorización dos postos que se instalan no mercado gandeiro

O PP de Monforte denuncia “a incapacidade” do alcalde para regular os mercados e facer cumprir as ordenanzas municipais

Julia Rodríguez lamenta que o Goberno local aínda non teña unha proposta para o mercadillo dominical, pese a levar meses comprometéndose coa súa aprobación

O Grupo Municipal do PP denuncia “a incapacidade” do alcalde para regular os diferentes mercados que se celebran na cidade de Monforte, así como para facer cumprir as ordenanzas municipais en vigor.

Así se desprende dun informe* de Intervención á Conta Xeral do exercicio 2015 no que advirten que os ingresos que se realizaron en concepto de taxas pola ocupación de dominio público local con barracas con motivo das festas e as feiras mensuais que se celebran no mercado gandeiro non corresponden aos importes que resultan da aplicación das tarifas previstas nas ordenanzas municipais en vigor. Deste feito derívase, detalla o informe, que non se están tramitando debidamente as autorizacións destes postos.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, lamenta que o Goberno local non sexa capaz de regular os mercados apropiadamente, tanto o dominical, os da praza de abastos ou o gandeiro, no que, á vista está, non se cumpren as ordenanzas municipais. “Parécenos intolerable que existan este tipo de desfases na Conta Xeral por non facer cumprir a ordenanza”, indica.

“O alcalde prometeu ademais á súa chegada unha proposta para regular o mercadillo dominical do Parque dos Condes pero seguimos á espera, máis dun ano despois”, engade. Esta indeterminación e falta de traballo do equipo de Goberno provoca unha situación de bloqueo que non beneficia nin axuda aos comerciantes, polo que o PP invita ao rexedor a presentar a súa proposta de ordenanza “sen máis demora”, así como a facer cumprir as ordenanzas municipais en vigor.

“Si xa foi un despropósito que o anterior equipo de Goberno mantivese un mercadillo sen regular nun espazo público tan destacado, que agora este alcalde prolongue a situación outro ano e medio revela o seu deixamento, falta de dilixencia e incapacidade para aportar ideas e solucións. Que deixe de criticar o que fan os demais, a Xunta particularmente, e empezou por resolver os asuntos da súa competencia”, conclúe a portavoz.

*Extracto do informe de Intervención.



Novas

Redes Sociais