Novas

Monforte, 20 de setembro de 2016

Os populares recordan que o contido da moción que presentan xa foi aprobado en 2013 sen que se teñan tomado as medidas de seguridade propostas

O Grupo Municipal do PP pide a mellora da seguridade viaria na estrada LU-P-3201 ao seu paso pola parroquia de Piñeira

Demandan que o Goberno local se dirixa á Deputación Provincial de Lugo para que execute os traballos

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao Goberno local que se dirixa á Deputación provincial de Lugo para que proceda a mellorar a seguridade viaria da estrada LU-P-3201 ao seu paso pola parroquia de Piñeira, establecendo pasos de peóns que permitan atravesar a estrada, especialmente no entorno dos cruces que levan o lugar das Bodegas e A Rigueira, así como redutores de velocidade nas inmediacións dos cruces mencionados, coa debida sinalización vertical e horizontal.

Os populares piden ademais que se habiliten zonas de tránsito peonil nas marxes desta estrada, de modo que se garanta a seguridade viaria dos veciños ao seu paso pola parroquia de Piñeira. Tamén demandan que se prolongue a beirarrúa existente fronte o IES A Pinguela, a fin de garantir a seguridade viaria dos usuarios do paso de peóns existente fronte á saída do centro, de maneira que no extremo contrario ao centro desemboque nunha zona debidamente habilitada para o tránsito peonil e non nun espazo terrizo sen delimitación algunha con respecto a calzada, como acontece na actualidade.

O PP recorda que o contido desta moción foi elevado ao pleno da Corporación Municipal a instancia do Grupo Municipal Popular e aprobado xa en novembro de 2013, resultando que ata de agora non se teñen tomado as medidas de seguridade propostas. Os populares daranlle ademais traslado desta petición ao Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, asegura que o seu Grupo ten recibido queixas de veciños e usuarios, preocupados pola falla de seguridade viaria existente na parroquia de Piñeira, concretamente no que atinxe ao tránsito de peóns. “Referímonos concretamente á ausencia de pasos peonís na estrada LU-P-3201, titularidade da Deputación Provincial de Lugo, que une Monforte con Sober. Ao seu paso pola parroquia de Piñeira esta vía atravesa o núcleo poboacional e sepárao, de maneira que determinados servizos públicos existentes na parroquia, como o bar, a igrexa ou o local social, quedan a ambos lados da estrada, sen que existan pasos peonís que faciliten o cruce da mesma e o acceso a estes servizos en condicións de seguridade. Estámonos a referir concretamente o entorno do cruce que leva a Rigueira ou ao lugar das Bodegas.

Peticións concretas

Tratándose dunha estrada provincial, o PP explica que cómpre dirixirse á Deputación Provincial de Lugo a fin de que proceda á determinación dos puntos onde, previo estudio das condicións que garantan a debida seguridade viaria, se deban establecer pasos peonís que permitan atravesar a vía o seu paso pola parroquia de Piñeira, especialmente onde se concentran as maiores entidades de poboación, e concretamente nos cruces indicados, establecendo ao propio tempo, redutores de velocidade, e unha axeitada sinalización vertical e horizontal.

Ademais, esta estrada carece ao seu paso pola parroquia de Piñeira dos axeitados arcéns ou marxes delimitados que permitan o desprazamento dos peóns en condicións axeitadas de seguridade, a pesares de existir vivendas en ambas as dúas marxes da calzada.

Da mesma forma, tense advertido que o paso peonil existente fronte do IES A Pinguela, comunica a saída do centro, con un espazo terrizo delimitado por un muro de peche dunha finca, sen beirarrúas ou espazos debidamente habilitados para o tránsito peonil, posto que a beirarrúa existente se interrompe a poucos metros.

A mínima esixencia de seguridade viaria, obrigaría a dotar dunha beirarrúa a altura do paso peonil, para evitar que as persoas que crucen nese punto, transiten por un espazo terrizo adxacente á calzada sen seguridade algunha, máxime cando estamos a falar dun paso peonil que da saída aos usuarios dun centro escolar.

Novas

Redes Sociais