Novas

Monforte, 25 de outubro de 2016

Os populares elevan unha moción ao próximo Pleno na que piden que se destine na súa totalidade a espazo multidisciplinar do Camiño de Inverno e que se faga partícipe do desenvolvemento da actividade á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

O PP de Monforte pídelle ao alcalde que reconsidere os usos e a distribución proposta para o baixo do Hotel Comercio

Julia Rodríguez demanda ademais que se poña a disposición do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra outro espazo acorde ás súas necesidades

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no vindeiro pleno na que insta ao equipo de Goberno a reconsiderar os usos e a distribución proposta para o baixo do Hotel Comercio. Demandan, ademais, que se destine na súa totalidade a espazo multidisciplinar do Camiño de Inverno, que contemple biblioteca, espazo expositivo, centro de recepción de peregrinos, de difusión e divulgación do Camiño e que sirva ás distintas iniciativas culturais que se promovan arredor dese nexo común.

O PP solicita tamén que se faga partícipe do desenvolvemento da actividade dese espazo á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. Julia Rodríguez aclara que se a cesión do local a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra é un inconveniente para o Concello, o PP propón que se conte con ela para a xestión do local, dado que ningún centro relacionado co Camiño de Inverno debe estar de costas a quen promoveu a súa oficialización.

Así, a voceira do PP convida ao alcalde a replantear o proxecto de acondicionamento interior, delimitando os espazos imprescindibles, baño, oficina e almacén na traseira do local e deixando o resto a un andar, con paneis móbiles que permitan dar usos diferenciados a un espazo que debe servir como biblioteca, espazo expositivo, centro de recepción de peregrinos, de divulgación do camiño. “Un entorno a disposición do gran proxecto que debe ser o Camiño de Inverno”, engade.

Outra ubicación para o Consorcio

En canto ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o PP pide que se poña á súa disposición outro espazo acorde ás súas necesidades dun almacén e unha oficina, propoñendo este grupo a tal fin o local que en breve quedará dispoñible nas Casitas, sen prexuízo de que se considere outro máis acaído.

Un proxecto que o alcalde esnaquiza

O PP presenta esta iniciativa tras coñecer, a través dos medios de comunicación, o proxecto de reforma do local do Goberno municipal, así como unha proposta de modificación de crédito para levalo a cabo. Os populares consideran que o proxecto do equipo de goberno pretende dividir un local emblemático da nosa cidade cunha ubicación moi interesante para o seu aproveitamento para múltiples actividades como se fora unha vivenda, co fin de repartir o seu espazo en tres despachos e un almacén que se poñen a disposición do Consorcio e unha sala de espera, un mostrador e unha sala de exposicións que se pretende destinar para a recepción de peregrinos.

A voceira popular explica que é evidente que o Alcalde, aínda que pretende apropiarse da idea que lle proporcionou a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, non entendeu en modo algún a súa proposta e o que fai con este proxecto non é solo esnaquizalo, senón tamén esnaquizar as posibilidades do propio local.

Novas

Redes Sociais