Novas

Monforte, 26 de outubro de 2016

O Grupo Municipal Popular pide a colaboración da oposición para que o alcalde non converta un local emblemático do patrimonio da cidade nun labirinto con pouca utilidade

O PP de Monforte reclámalle responsabilidade ao BNG en relación coa intervención que o Concello quere facer no Hotel Comercio

Julia Rodríguez explica que a proposta do PP podería levarse a cabo de xeito inmediato, mentres que a dos nacionalistas é unha idea a longo prazo

O Grupo Municipal do PP de Monforte reclámalle responsabilidade ao BNG en relación coa intervención que o Concello pretende acometer no Hotel Comercio onde quere instalar o Centro de Recepción de Peregrinos e darlle espazo ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, un proxecto cuxo custo supera o importe de 52.200 euros.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, pídelle “altura de miras” aos nacionalistas e a súa colaboración para que un dos edificios máis emblemáticos da cidade non pase a ser un labirinto cheo de compartimentos diferentes e con pouca utilidade. Por iso os populares piden o apoio dos grupos da oposición para reconsiderar os usos e a distribución proposta para o baixo do Hotel Comercio.

Demandan, así, que apoien que se destine na súa totalidade a espazo multidisciplinar do Camiño de Inverno, que contemple biblioteca, espazo expositivo, centro de recepción de peregrinos, de difusión e divulgación do Camiño e que sirva ás distintas iniciativas culturais que se promovan arredor dese nexo común. Ao mesmo tempo, reclaman que se busque un novo emprazamento para albergar o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

“Non temos confianza en que o rexedor teña a sensibilidade suficiente para aceptar a nosa proposta, despois de todo o que temos visto que leva feito, pero esperamos que tanto o BNG como Esperta Monforte saiban ver a protección que ten que facerse deste baixo”, explica a popular.

Julia Rodríguez pídelle “altura de miras” aos nacionalistas, posto que a proposta do BNG non é unha opción viable de xeito inmediato, senón unha idea a longo prazo, mentres que o que suxire o PP se podería levar a cabo “hoxe mesmo”. “O que pide o BNG agora mesmo é un brinde ao sol no que ademais habería que aclarar por que se propón que sexa no edificio do Hotel Victoria e non outros inmobles dignos de recuperación na nosa cidade”, engade.

Por todo anterior, o Grupo Municipal do PP pídelle á voceira do BNG, Pilar López, que actúe con responsabilidade para que non se esnaquice o local ao compartimentalo como un labirinto. “Trátase de recuperar o patrimonio e darlle utilidade e non de que acabe sendo soamente un local para oficinas”, conclúe.

Novas

Redes Sociais