Novas

Monforte, 27 de outubro de 2016

Os populares recordan que hai máis de dous anos que se aprobou a Lei que obriga aos Goberno municipais a adaptar as ordenanzas á normativa, sen que se teña feito

O Grupo Municipal do PP pedirá no Pleno a elaboración dunha ordenanza reguladora do servizo de taxi do Concello de Monforte

Julia Rodríguez explica que se trata darlle cumprimento e garantir a prestación deste servizo dentro do marco lexislativo vixente, coa maior calidade para os usuarios e as mellores condicións e garantías para os profesionais que o prestan

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha iniciativa para o seu debate no Pleno do vindeiro mércores día 2 na que insta ao equipo de Goberno a elaborar unha ordenanza reguladora do servizo de taxi do Concello de Monforte, adaptada a Lei 4/2013, a fin de darlle cumprimento e garantir a prestación deste servizo dentro do marco lexislativo vixente, coa maior calidade para os usuarios e as mellores condicións e garantías para os profesionais que o prestan.

Os populares explican que a Lei 4/2013 de transporte público de persoas en vehículos de turismo en Galicia recolle expresamente que “o transporte público de persoas en vehículos de turismo ten unha importancia decisiva. Este transporte, e particularmente o servizo de taxis presentan unha esencialidade máxima como instrumento conformador da convivencia da cidadanía e da habitabilidade do entorno urbano e interurbano, con independencia do lugar onde se resida. A importancia deste tipo de transporte e do sector vinculado ao mesmo, obriga a dispoñer dunha ordenación xurídica que constitúa un medio para a súa promoción obxectiva. A existencia dun marco regulador que proporcione seguridade xurídica favorece a todos os suxeitos que, dunha maneira directa e indirecta, se relacionan coas actividades propias do transporte público de persoas en vehículos de turismo”.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que “no noso Concello, non só para atender as necesidades da poboación urbana, senón de modo especial as da poboación que se asenta nas 27 parroquias rurais, é preciso regular o réxime xurídico aplicable ao servizo de taxi prestado ao amparo das licenzas de taxi do Concello de Monforte”. Deste xeito, dáselle cumprimento ao establecido na Disposición Final Terceira da Lei que establece que os Concellos adaptarán as ordenanzas reguladoras do servizo de taxi ao previsto na mesma, no prazo dun ano dende a súa entrada en vigor”.

Desde o PP precisan que a Lei 4/2013 foi publicada no DOGA do 14 de xuño de 2013, polo que o prazo que establece para a adaptación da ordenanza municipal tense excedido en mais de dous anos no caso do Concello de Monforte.

“Se ben o Concello de Monforte en sesión plenaria do 27 de xullo de 2015 aprobou as tarifas urbanas de taxi, en cumprimento da obriga que establecía a Lei, non se deu cumprimento ata o de agora á obriga de elaborar unha ordenanza municipal adaptada á normativa, polo que pediremos que así se faga”, conclúe a voceira.

Novas

Redes Sociais