Novas

Monforte,3 de novembro de 2016

O Grupo Municipal do PP asegura que se os plan do rexedor seguen adiante “tomaremos as nosas medidas porque a nosa misión é a de preservar o patrimonio”

O PP lamenta a actitude prepotente e déspota do alcalde e pídelle que asuma o voto da maioría do Pleno e redefina o uso do Hotel Comercio

Julia Rodríguez lamenta que o equipo de Goberno fora quen de defender a súa proposta e se limitara a cargar contra os grupos da oposición e contra a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

O Grupo Municipal do PP de Monforteexplica que o que onte aconteceu no pleno é que toda a Corporación lle manifestou ao alcalde“que estamos en contra da reforma que planea para o Hotel Comercio”. “Mesmo lle bloqueamos a modificación de crédito que precisa para facela e lle propuxemos que o reconsiderara e que lle ofrecera un local noutra ubicación ao Consorcio que nós propoñemos que sexa un local das Casitas”, precisa Julia Rodríguez, voceira do PP.

“Se o alcalde segue adiante como anunciou non só estará actuando de costas ao resto da Corporación e dunha asociación que ten acreditado o seu traballo e as súas capacidades a prol do Camiño de Inverno, senón que estará actuando en contra dos intereses de todos os monfortinos porque estamos falando de preservar o noso patrimonio. Estará actuando como un déspota que antepón o seu criterio persoal, que só valen as súas ideas aínda que haxa outras que poidan ser mellores salvo que se poida apropiar delas e, por tanto, agora o que esperamos, dado que hai un acordo plenario, é que o reconsidere e que lle dea cumprimento”.

O PP pídelle ao equipo de Goberno que reconsidere o seu proxecto,“aínda que lamentablemente non temos moitas esperanzas de que sexa así, non só polas súas manifestacións na prensa de que ía a seguir adiante, senón tamén polas propias manifestacións feitas polo voceiro do equipo de goberno no pleno de onte no que lonxe de explicar a súa idea o que fixo foi arremeter persoalmente contra os grupos da oposición e contra a representante da Asociación e contra a propia Asociación que tanto leva feito ao longo destes 18 anos a prol do Camiño de Inverno”.

A misión do PP, preservar o patrimonio

Julia Rodríguez aclara que, de seguir adiante o alcalde coa súa proposta,“nós tomaremos as nosas medidas porque a nosa misión é a de preservar o patrimonio e traballar para que un elemento que pode ser tan importante para a economía e o turismo de Monforte como pode ser o Camiño de Inverno non se vexa prexudicado por unha actitude prepotente e despótica dun alcalde que non entendeu a magnífica idea que se lle está presentando”.

Agradecemento ao apoio do resto dos grupos

O Grupo Municipal do PP amosa a súa satisfacción polo apoio unánime recibido de toda a Corporación polas propostas elevadas ao Pleno, tanto no que atinxe ás ordenanzas dos taxistas como á adhesión ao programa de vivendas baleiras. Julia Rodríguez engade que “estamos especialmente satisfeitos por ter contado co apoio do resto da oposición, especialmente do BNG, ante á nosa proposta do uso do baixo do Hotel Comercio”.

“Unha proposta que vai na liña da idea que de maneira moi acertada expuxo a presidenta da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra respecto ao uso do local. Unha proposta que consiste en entender que este é un espazo que debe ser dedicado ao Camiño de Inverno como nexo de unión, pero que debe quedar a un andar con paneis móbiles que permitan usos múltiples tanto como espazo expositivo, paraunha zona de recepción de grupos, unha biblioteca, unha zona para conferencias, un espazo que permita de todas as maneiras posibles difundir e promocionar o Camiño na nosa cidade e na nosa comarca”, engadiu.

A proposta do PP defende ademais que se evite unha reforma que remataría coas extraordinarias posibilidades do local, onde todos os que coñecemos ese baixo cremos que é unha idea disparatada convertelo nun espazo de oficinas e de almacén.

Novas

Redes Sociais