Novas

Sábado, 7 de setembro de 2013

O Grupo Municipal do PP non volverá consentir que os seus simpatizantes e compañeiros de partido sexan agredidos verbalmente polos nacionalistas

O PP advírtelle ao Goberno local que abandonará o Pleno se o alcalde e a portavoz do BNG manteñen a súa actitude "déspota e cargada de agravios"

Julia Rodríguez considera que en política "non todo vale" e pídelle ao equipo de Goberno "o mesmo respecto que o que recibe dos seus compañeiros de Corporación"

O Grupo Municipal do PP de Monforte advírtelle ao Goberno local que abandonarán o Pleno se o alcalde e a portavoz do BNG manteñen a súa actitude "déspota e cargada de agravios". Os populares toman esta decisión despois de que no pasado Pleno do xoves cinco de setembro a portavoz nacionalista arremetese con dureza contra todo o Partido Popular a través de expresións que en política son, cando menos, "censurables e reprochables".

Entre as frases pronunciadas pola portavoz nacionalistas atopáronse saídas de ton como: "os do PP son os cacos de guante branco", "son os reis da corrupción", ou aquela na que expuxo que "os dirixentes do PP que se vaian para casa". A estas expresións hai que engadir outras como: "Que non dean leccións de ética porque non a teñen" ou "Fraga tamén lle asquea a moita xente".

Non todo vale

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera que en política "non todo vale", polo que piden recibir a partir de agora o mesmo trato do equipo de Goberno que o que os demais portavoces lle profiren a eles. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, asegura que non abandonaron o salón de plenos por respecto aos monfortinos e ao público que esperaba o debate de determinadas mocións, aínda que non dubida en anunciar que "de repetirse unha situación desta gravidade, abandonaremos o pleno en sinal de rexeitamento por un modo de exercer o cargo público que creemos trasnoitado, intolerable e carente do respecto mínimo que se debe esixir en política".

A popular rexeita ademais de xeito firme a actitude do alcalde quen, despois de que o secretario autorizase a falar á portavoz do PP para defenderse das acusacións da voceira nacionalista, lle negou a palabra, un xesto "autoritario" que se repetiu por segunda vez nun breve período de tempo.

Novas

Redes Sociais