Novas

Monforte, 24 de novembro de 2016

Os populares demándalle ao rexedor que regularice as licenzas provisionais dos locais e lle dea cumprimento ás ordenanzas municipais

O PP pídelle ao alcalde que se poña a traballar e dea unha solución á problemática que viven os veciños e propietarios da Rúa Duquesa de Alba

Julia Rodríguez lamenta que todo o que fai o Señor Tomé sexa mirar para outro lado, ignorar as resolucións da Valedora e querer endosarlle o problema á Xunta

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao alcalde que se poña a traballar “dunha vez por todas” e dea unha solución á problemática que viven os veciños e veciñas da Rúa Duquesa de Alba, así como aos propietarios dos locais. Os populares aseguran que o alcalde está a deixar de lado as súas funcións, posto que as súas competencias non se atopan só na Lei de Seguridade, senón que existe unha Ordenanza Municipal de Ruídos que se nega a facer cumprir.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, lamenta que non só desatenda esta competencia senón que ademais se negue a mercar un sonómetro, que custaría arredor de 400 euros, e que podería avanzar na resolución dun dos problemas que máis afecta aos veciños e veciñas, o do ruído.

A popular lembra que o problema que sofre a veciñanza da Rúa Duquesa de Alba é antigo, polo que o seu Grupo xa presentou iniciativas ao Pleno para darlle solución no anterior mandato. “Agora o alcalde tiña unha oportunidade única para regularizar as licenzas provisionais dos locais e darlle cumprimento ás ordenanzas, pero parece que non ten tempo para facelo”, censura Rodríguez.

Un problema de competencia municipal

A voceira lamenta que todo o que fai o alcalde sexa mirar para outro lado, ignorar as resolucións da Valedora e querer endosarlle o problema á Xunta, como sempre fai, cando el é o único responsable da situación que viven os veciños e os propietarios dos locais que cumpren coas súas obrigas, así como daqueles que queren darlle cumprimento pero que se atopan con dificultades administrativas relacionadas co estado das licenzas que o Concello non ten vontade de resolver.

Tanto é así que a Xunta lle explica ao rexedor que coa nova Lei é o Concello e a Policía Local os que poden sancionar, posto que a competencia é municipal.

Así, o PP pídelle ao rexedor que se tomen as medidas precisas para garantir o cumprimento da normativa sobre horarios de apertura e peche de establecementos públicos segundo o tipo de licenza de actividade da que dispoñan. Tamén demandan un incremento da presenza policial e calquera outra medida encamiñada a garantir unha maior seguridade na zona.

Novas

Redes Sociais