Novas

Venres, 25 de novembro de 2016

Os populares consideran fundamental crear esta comisión que garantirá “un mellor funcionamento do Concello e, por tanto, unha mellora da calidade de vida de todos os monfortinos”

O PP de Monforte solicita a creación dunha comisión de seguimento e control dos asuntos plenarios para velar polo cumprimento das mocións aprobadas polo Pleno da Corporación

Julia Rodríguez lamenta que “no que vai de mandato, son máis de 30 os acordos plenarios, que a pesares de contar co apoio maioritario da Corporación, son desoídos polo alcalde, ignorando así as propostas dos que representamos á maioría dos monfortinos”

O Grupo Municipal do PP de Monforte levará ao vindeiro pleno da Corporación unha iniciativa na que solicitarán ao equipo de goberno a creación dunha comisión de seguimento e control dos asuntos plenarios co fin de velar polo cumprimento das mocións aprobadas polo Pleno da Corporación.

A voceira popular, Julia Rodríguez, recorda que “o cumprimento dos acordos plenarios, non so é unha obriga legal, tamén é unha manifestación de respecto cara o resto da Corporación, pero de maneira especial cara os cidadáns aos que representamos os grupos municipais da oposición”. Rodríguez engade que “esas iniciativas, son en moitos casos, resultado das propostas e reclamacións feitas polos veciños, que non atopan outro mecanismo para que sexan atendidas as súas demandas e necesidades”.

“Noutros casos, as propostas son froito da oposición construtiva que levan a cabo os grupos facendo propostas en positivo, ou ben tratando de evitar erros ou actuacións indebidas, sempre en interese dos cidadáns”, engade a voceira.

Dende o Grupo Popular, recordan, “vimos facendo unha oposición seria elevando ao Pleno propostas beneficiosas para os monfortinos” e lamentan que aínda que conten co apoio suficiente do resto da Corporación, son incumpridas con frecuencia polo equipo de goberno. E o mesmo acontece con iniciativas dos outros grupos da oposición”, precisan.

Unha trintena de acordos plenarios desoídos polo alcalde

Dende o PP lamentan que “no que vai do presente mandato, son máis de 30 os acordos plenarios, que a pesares de contar co apoio maioritario da Corporación e de representar un mandato claro de impulso para o equipo de Goberno, son desoídos polo alcalde quen, mesmo en reiteradas ocasións se ten manifestado no sentido de que non ten por qué darlle cumprimento aos acordos plenarios, ignorando así as propostas dos que representamos á maioría dos monfortinos”.

Por estes motivos os populares consideran “fundamental” crear esta comisión de seguimento das mocións aprobadas polo pleno co obxectivo fundamental de asegurar o cumprimento das mesmas o que redundará nun mellor funcionamento do Concello e na mellora da calidade de vida de todos os monfortinos.

A composición, a mesma que a das comisións informativas

Dende o PP precisan, ademais, que a composición de dita comisión debe ser a mesma que a das comisións informativas. Así mesmo, engaden, “debe se ser convocada para a súa constitución no prazo máximo de 20 días naturais e poderán asistir á mesma técnicos da Corporación das diferentes áreas para realizar tarefas de apoio”.

Os populares tamén solicitan que as reunións da mesma teñan carácter trimestral fixándose como data para a súa celebración o día que se determine polos seus membros ao tempo da constitución e sen retribución para os mesmos. Por último, reclaman que se de conta trimestralmente ao Pleno da Corporación do estado de cumprimento dos acordos plenarios aprobados.

Novas

Redes Sociais