Novas

Xoves, 1 de decembro de 2016

Os populares denuncian que o rexedor levou ao Pleno unha proposta de acordo, a sabendas, na que non se cuantificaron os incumprimentos da concesionaria ao longo dos anos

O PP de Monforte acusa ao alcalde de non ter criterio para solucionar o problema con Aqualia, o que os leva a perder a confianza na súa xestión

Julia Rodríguez asegura que o Señor Tomé “quería que a Corporación tragara cun acordo que el mesmo sabía que non era válido, o que demostra que non podemos confiar na súa palabra”

O Grupo Municipal do PP de Monforte acusa ao rexedor de non ter criterio para solucionar o problema con Aqualia, o que os leva a perder a confianza na súa xestión e nas propostas que poida realizar a partir de agora. Así queda de manifesto, explican, coa actitude que o alcalde tomou no Pleno, xa que cando a súa proposta foi rexeitada por fin asumiu, tal e como lle viña pedindo o PP hai meses, que é preciso facer informes que arroxen luz sobre o que a empresa lle adebeda ao Concello por mor dos incumprimentos nos que ten incorrido ao longo dos anos.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que “pretendía compensar máis de 700.000 euros en obras que non son compensables. Propuxo un acordo descontando esa cantidade e agora di que para reclamar non se pode descontar e incluso engade, como hoxe lemos na prensa, que procede embargarlle á empresa. Di unha cousa e a contraria e nin se ruboriza. É un absoluto despropósito”, critica.

Do mesmo xeito, o socialista primeiro dixo que non ía pedir informes e votou en contra de que se solicitaron, logo accede e pide uns informes a medida e agora tratou de compensar os investimentos, ao tempo que di que non está ben feito. “Vemos que non ten criterio, polo que insistimos en que cuantifique os incumprimentos de Aqualia e se non cumpre os acordos do Pleno que propoña unha solución noutros termos”. “Como punto de partida, esixen, un acordo de interese para o Concello e non para a empresa”, resume a voceira.

Así, a voceira do PP, Julia Rodríguez, recorda que xa existía un acordo plenario no que se decidira que o Goberno local solicitara os informes que permitirán cuantificar os danos e prexuízo irrogados ao Concello por todos os conceptos derivados dos incumprimentos e das obrigas contractuais por parte da concesionaria Aqualia.

Naquel momento o PP incluso advertía que, de non ser suficiente cos servizos municipais, se solicitara a asistencia técnica dos servizos xurídicos da Deputación e mesmo os servizos dunha consultora externa. A voceira do PP aclara que o equipo de Goberno non lle deu cumprimento a este acordo, posto que se limitou a formular tres preguntas aos servizos xurídicos da Deputación e da consultora que nada teñen que ver coa iniciativa aprobada polo Pleno.

Isto provocou que o alcalde trouxera ao Pleno do luns, a sabendas, unha proposta de acordo na que non están cuantificados os incumprimentos da concesionaria. “Hai un afán obstrucionista por parte do equipo de Goberno, posto que trataron de impedir a cuantificación dos incumprimentos, non tiveron interese en coñecer cales son esas cantidades que poderíamos reclamarlle á empresa e, pola contra, tiveron un interese enorme e claro en alcanzar o acordo proposto pola concesionaria”, precisa.

O PP non confía na palabra do rexedor

Por todo o anterior, os populares aseguran non ter confianza no equipo de Goberno nin na intención que agora manifesta para cuantificar os prexuízos, un paso imprescindible para poder negociar ou reclamarlle a Aqualia. O PP lamenta ademais que no acordo se compensaran obras que o anterior goberno do BNG considerou investimentos, aínda sen ser competente para tomar unha decisión que lle correspondía ao Pleno da Corporación.Tamén se lle pide que descarte a compensación das obras que non son compensables, porque representaría comprometer ao Concello de cara o futuro, posto que implican unha modificación substancial do contrato e, polo tanto, das obrigas da concesionaria.

O PP insiste na necesidade, tal e como se aprobou pola Corporación, de que se faga unha auditoría a cargo dun departamento dunha universidade galega ou outro organismo que ofreza garantía de independencia que poida cuantificar o que se lle pode reclamar á empresa. Aseguran que non confían no equipo de Goberno, posto que antes non fixo os informes, pese a existir un acordo do Pleno, pero agora di que vai reclamar.

Julia Rodríguez invita ao alcalde a buscar unha solución “a un problema e gran erro de xestión que nos levou a esta situación indesexable, pero coa máxima de preservar o interese económico do Concello”. “Quería que a Corporación tragara cun acordo que el mesmo sabía que non era válido, o que demostra que non podemos confiar na súa palabra”, conclúe.

Novas

Redes Sociais