Novas

Martes, 13 de decembro de 2016

Os populares fan unha valoración inicial das contas na que aprecian certas contradicións ao volver incluír investimentos destinados ao saneamento, cando non se ten resolto o problema con Aqualia e lle pode corresponder solucionalos á concesionaria

O PP de Monforte considera que os Orzamentos do Concello para 2017 incorren “en erros doutros anos” e non definen o modelo de cidade de cara o futuro

Julia Rodríguez destaca que o crecemento nas contas municipais ten a súa orixe no incremento das transferencia da Xunta de Galicia para novos dependentes

O Grupo Municipal do PP de Monforte fai unha primeira valoración dos Orzamentos do Concello para o ano 2017 despois de coñecelos “de maneira superficial” a través dun documento entregado polo alcalde. Os populares consideran que o proxecto do Goberno local incorre en erros doutros anos e non definen o modelo de cidade de cara o futuro.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que o alcalde lles fixo un resumo das propostas que van a levar ao Pleno. “Remitíronnos un pequeno documento, hai moito máis que estudar porque os orzamentos son moito máis ca iso. Os orzamentos levan unha execución orzamentaria que hai que revisar e analizar e estudar para ver cara a onde van as cousas”, precisa.

A voceira do PP aproveita para destacar que o crecemento que pon de relevo o alcalde se debe a un incremento nas transferencias da Xunta de Galicia para novos dependentes.

“Nesta primeira valoración podo dicir que o alcalde tivo a deferencia de facérnolos chegar aínda que fóra deste xeito superficial, pero creo que o que hai que destacar destes orzamentos é precisamente ese aspecto social, ese incremento que sofren e que procede dos orzamentos da Xunta de Galicia. Ese aumento do número de dependentes recoñecidos que van a recibir as súas axudas, o que vai repercutir nos veciños e veciñas da cidade”.

“Nese sentido nós estamos satisfeitos de que se incremente o orzamento por esa vía e que ademais veña da man da Xunta”, engade.

Unha proposta pouca ambiciosa

A primeira lectura dos populares é que o proxecto de Orzamentos que presenta o Goberno local “repite erros do pasado”. “Non percibo que sexa un proxecto de cidade, non percibo que sexan uns orzamentos pensados para dicir ou indicar por onde debe ir a cidade no futuro, nin qué estímulos queremos para a cidade. Non percibimos nada diso, polo que nos parece unha proposta pouco ambiciosa”, explica a voceira.

En canto aos investimentos, Julia Rodríguez considera que se entra noutro erro, posto que se recollen investimentos que teñen que ver co saneamento cando segue aberto o conflito con Aqualia. “Temos aquí un conflito con respecto a que obras ten que facer a concesionaria, que son consecuencia do mal estado da rede e que obras, pola contra, son consecuencia de inversións doutro tipo”, indica.

“Vimos de ter este problema coa rúa Corredoira e parece que con estes orzamentos se volven contemplar actuacións que volverían entrar nesa confusión e por tanto nós imos estudar con máis atención estes orzamentos para poder valoralos, pero a miña principal obxección é que non percibo que sexan uns orzamentos de alguén que quere levar verdadeiramente a cidade cara a un contexto de crecemento”, conclúe.

Novas

Redes Sociais