Novas

Mércores, 21 de decembro de 2016

Os populares consideran necesario aclarar este aspecto antes de presupostar con cargos aos Orzamentos municipais actuacións que poden ser responsabilidade da concesionaria

O PP de Monforte pídelle ao Concello que determine as obras de renovación da rede ou instalación de abastecemento e saneamento que lle corresponde asumir a Aqualia

Julia Rodríguez lamenta que o Goberno local teña feito fronte a algunhas destas actuacións que debera sufragar a empresa sen ter feito ningunha reclamación posterior

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción ao Pleno do próximo luns na que lle pide ao Concello que dea cumprimento ao acordo plenario tomado a instancia do Partido Popular no pleno do 25 de abril a fin de determinar as obras de renovación da rede ou instalacións de abastecemento e saneamento que nos últimos anos foran indebidamente asumidas polo Concello, así como aquelas que sendo asumidas por Aqualia poidan ser consideradas de reposición ou renovación e non de investimento. Os populares demandan ademais que se inicien os expedientes procedentes de repercusión á concesionaria.

Respecto das obras que se están a orzamentar, solicitan que se determine se se atopan no marco das obrigas contractuais que lle corresponde asumir á concesionaria, procedendo nese caso, como se ten acordado no pleno do mes de abril, a notificarllo á empresa para a súa execución.

Da información da que dispón o PP sobre os orzamentos do 2017, resulta que se van acometer obras na rede de saneamento, no marco do plan de eliminación de vertidos presentado polo Concello ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, con cargo ás contas municipais. Tamén se anuncia unha partida de 120.000 euros para dar resposta á imposibilidade de conectar o saneamento do Porto Seco á rede municipal, a resultas do mal estado no que se atopa a rede local.

Por este motivo o PP presenta esta iniciativa, posto que se trata de actuacións que poden ser consecuencia do incumprimento das obrigas de mantemento e conservación mínimas que precisaría a rede ao longo destes anos, e, por tanto, tratarse de obras de renovación ou substitución de conducións e instalacións, que podería corresponder asumir a Aqualia.

Informes dos técnicos municipais

Os populares recordan a existencia dun informe da técnica de servizos sobre as obrigas da concesionaria no que se sinala que “as obras e instalacións que reciba o concesionario deben adecuarse en cada momento ás esixencias que implique a correcta prestación e xestión do servizo, correndo a expensas do concesionario cantos gastos se deriven de dita adecuación”. Tamén recolle que “As obras de mantemento e conservación de conducións e instalacións, así como as de renovación y/o substitución de conducións e instalacións deterioradas ou avariadas serán da conta do concesionario”.

Sobre as obras de renovación das conducións nas rúas Irmáns Dapena, Corredoira e José de Garabantes, a Interventora municipal emitiu un informe no que sinala que “debería incorporarse ao expediente informe técnico relativo a se a obra que se licita pode estar no ámbito do obxecto do contrato de concesión para a xestión da auga potable e depuración subscrito con Aqualia., que inclúe o mantemento das conducións como unha das obrigas desta empresa, dado que se trata dunha reposición das conducións previamente existentes, polo tanto sería esta mercantil quen debera executar as obras ou de ser o caso, repercutirlle o custe da mesma”.

A maiores, a Enxeñeira Técnico Industrial do Concello emitiu informe sinalando “visto que nas rúas Irmáns Dapena, Corredoira e José de Garabantes as continuas roturas da tubería non posibilitan a correcta prestación do servizo, as obras de renovación da instalación, segundo o art. 26 do contrato, deberán ser por conta do concesionario”

Visto o anterior, resolven os populares, as obras de renovación das conducións que son consecuencia das continuas roturas das tuberías e que impiden a correcta prestación do servizo, deberán correr por conta da concesionaria. A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que “non é a primeira vez que o Concello asume o custe de obras, que con arranxo ao exposto, estarían dentro do marco das obrigas da concesionaria, sen que se lle teña formulado reclamación algunha.

Acordos incumpridos

O Grupo Municipal do PP elevou ao pleno da Corporación una moción aprobada por unanimidade en abril de 2016 para que se elaborase un informe a fin de determinar as obras de renovación da rede ou instalacións de abastecemento e saneamento que foran indebidamente asumidas polo Concello nos últimos anos por traer causa das continuas roturas que imposibilitaban a correcta prestación do servizo. Da mesma forma, pedíase que se analizaran as obras que aínda sendo financiadas por Aqualia puideran ser consideradas de reposición ou renovación e non de investimento. Tamén se acordaba que unha vez determinadas esas obras se iniciasen os expedientes procedentes a fin de repercutirlle á concesionaria os custes procedentes.

A voceira do PP lamenta que oito meses despois “non se teña feito nada e mesmo, en contra do acordado, se teña proposto por parte do equipo de goberno un acordo coa concesionaria que incluía compensar como inversión, obras que eran de renovación.

Novas

Redes Sociais