Novas

Xoves, 22 de decembro de 2016

Os populares levarán ao vindeiro pleno unha pregunta para coñecer os motivos polos cales o alcalde declinou que o evento se disputara na cidade do Cabe o pasado mes de novembro

O PP lamenta que a III Xuntanza Miguelito de Judo non se celebrara en Monforte, coa repercusión económica que podería ter para a cidade

Julia Rodríguez sinala que o torneo, que se levou a cabo na localidade de O Barco, “congregou a unhas 150 familias que se houberan desprazado á nosa cidade, cos beneficios que iso podería conlevar para Monforte”

O Grupo Municipal do PP lamenta que a III Xuntanza Miguelito de Judo non se celebrara en Monforte, coa repercusión económica que isto podería ter para a cidade. A este respecto levarán unha pregunta ao vindeiro pleno da corporación para interesarse polos motivos que levaron ao alcalde, o socialista José Tomé Roca, a declinar que este evento deportivo se levase a cabo na cidade do Cabe.

A voceira popular asegura que “este Grupo Municipal ten coñecemento de que se solicitou colaboración ao Concello de Monforte para celebrar este evento na nosa cidade, o que representaría poñer a disposición un pavillón, uns tatamis e unhas medallas, polo tanto, unha escasa repercusión económica. E a pesar diso, tal colaboración foi rexeitada por parte do Concello, celebrándose finalmente o evento na localidade de O Barco o pasado 26 de novembro”.

Rodríguez sinala ademais que a Xuntanza, na que participaron nenos e nenas dos colexios de O Barco e Monforte, congregou a un total de 150 judokas de 3 a 16 anos. “A maior parte dos participantes eran de Monforte, o que obrigou a desprazarse a un bo número de familias monfortinas á localidade de O Barco”, puntualiza.

“Polo contrario, de terse celebrado en Monforte, un bo número de familias da localidade ourensá teríanse desprazado á nosa cidade para participar no torneo, ca repercusión que pode conlevar unha xornada de fin de semana que permite ás familias pasar o día e, en definitiva, deixar beneficios económicos aquí, como fixeron as familias monfortinas na localidade valdeorresa”, precisa a voceira.

Dende o PP trasladaranlle esta cuestión ao rexedor monfortino para coñecer os motivos que o levaron a declinar que esta Xuntanza se levase a cabo na cidade e recordan ademais que “é a terceira vez que o evento se celebra en O Barco, coa colaboración dese Concello”, conclúen os populares.

Novas

Redes Sociais