Novas

Monforte, 14 de xaneiro de 2016

Os populares denuncian que o equipo de Goberno aproba unha oferta pública de emprego sen contar previamente cunha RPT que defina as necesidades e recursos que ten o Concello

O Grupo Municipal do PP interésase polo estado de elaboración da relación de postos do traballo do Concello

Julia Rodríguez denuncia a falta de interese do alcalde en dispor deste mecanismo, pese a que xa se teñen gastado máis de 135.000 euros na súa elaboración sen que se coñeza o seu estado de tramitación

O Grupo Municipal do PP de Monforte demándalle ao Goberno local que dea conta ao Pleno da Corporación do estado de elaboración e tramitación da relación de postos de traballo do Concello, tras ter sido obxecto de contratación en novembro de 2012. Os populares engaden que, de non dispor da RPT, se proceda a elaborala cos recursos propios do Concello ou de forma gratuíta a través dos servizos de asesoramento xurídico da Deputación de Lugo.

Os populares explican que, como é sabido, o Concello de Monforte ten aboado o longo dos últimos anos facturas correspondentes a contratos e servizos relacionados coa elaboración da RPT e catálogos de postos de traballo do Concello por importe de 135.672'88 euros. A pesar deste desembolso, a día de hoxe o Concello de Monforte segue sen ter aprobada unha Relación de Postos de Traballo. De feito, non hai moito que para que un Policía Local pasase a situación de segunda actividade o Pleno tivo que aprobar o Catálogo correspondente para ese suposto, por carecer este Concello da necesaria Relación de Postos de Traballo e non atopar o Catálogo que, supostamente debería obrar, de non existir RPT.

Como ten sinalado a xurisprudencia, “La Relación de Puestos de Trabajo se configura como el instrumento técnico a través del cual se realiza por la Administración la ordenación del personal, de acuerdo con las necesidades de los servicios y con expresión de los requisitos exigidos para su desempeño, de modo que en función de ellas se definen las plantillas de las Administraciones Públicas y se determinan las ofertas públicas de empleo. Por ello, corresponde a la Administración la formación y aprobación de las Relaciones de Puestos de Trabajo lo que, como es natural, es extensivo a su modificación.”

O Grupo Municipal do PP precisa que o Concello de Monforte dispón e dispuxo ao longo destes anos de técnicos xurídicos perfectamente cualificados para emitir este tipo de informes polos que se veu pagando sistematicamente a entidades externas. Para mais despropósito, engade a voceira do PP, Julia Rodríguez, “a Deputación Provincial de Lugo dispón dun Servizo de Asesoría Xurídica para os Concellos que comprende entre as súas funcións o asesoramento en dereito no seu respectivo ámbito competencial, incluíndo expresamente entre outras tarefas ‘evacuar informes e ditames fundados en dereito’ ou a ‘emisión de estudos xurídicos de interese para os concellos’.

Así, pode ser obxecto dese asesoramento gratuíto a elaboración da RPT, como ten acontecido no caso de outros concellos da provincia. De feito, a propia Deputación ten destacado o aforro que lle ten representado a moitos concellos da provincia a súa cooperación na elaboración das relacións de postos de traballo, considerando os elevados custes que representa a contratación cunha empresa privada.

O alcalde aproba unha oferta pública de emprego sen ter RPT

Os populares desvelan que a Xunta de Goberno do 19 de decembro aprobada unha oferta pública de emprego do Concello de Monforte, pese a non dispor de relación de postos de traballo que permitan coñecer as verdadeiras dispoñibilidades e necesidades do Concello. En concreto, os gastos de persoal do Concello de Monforte están orzamentados para o ano 2017 en 4.137.963 euros.

O PP recorda que, tanto a Lei 7/85 de Bases de Réxime Local, como a Lei 7/2007 do Estatuto Básico do Empregado Público, establecen que a planificación dos recursos humanos terá como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles mediante a dimensión adecuada dos seus efectivos, a súa mellor distribución, formación promoción profesional e mobilidade. A lexislación tamén establece que as Administracións Públicas estruturarán a súa organización a través da relación de postos de traballo, un aspecto que o alcalde decidiu desatender, ao igual que fixo o anterior rexedor.

Por poñer un exemplo, o departamento de urbanismo de Monforte, unha cidade de 19.000 habitantes, sen PXOU e con un plan especial en tramitación conta unicamente con un arquitecto técnico, mentres se lle da cobertura a outros servizos non tan importantes.

Novas

Redes Sociais