Novas

Mércores, 11 de setembro de 2013

O Grupo Municipal Popular mostra o seu rexeitamento ao afán independentista do BNG ao entender que non reflicte o sentir maioritario da sociedade galega

O PP pide á Corporación que rexeite as manifestacións a favor da ruptura democrática do Estado e declare o seu compromiso en defensa do Estado das Autonomías

Os populares critican que os nacionalistas pretendesen facer uso político do paso da Volta Ciclista a España pola Comunidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que solicitan que a Corporación rexeite as manifestacións a favor da ruptura democrática do Estado e declare o seu compromiso en defensa do Estado das Autonomías derivado da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Os populares presentan esta moción despois de que o pasado 5 de xuño o BNG, acompañado por representantes de ERC e Amaiur, presentasen unha iniciativa no Congreso dos Deputados reclamando o respecto ao exercicio do dereito de libre determinación en Galicia.

Na proposición non de lei os nacionalistas solicitaron ademais que "se respecte a convocatoria e o exercicio de referendo de autodeterminación nacional sobre a constitución dun estado independente", así como a fixación legal "das bases do proceso para unha transición cara á independencia nacional dos territorios que decidiron libremente en referendo constituírse como estado independente".

O representante do BNG na formalización dese pacto defendeu "a ruptura democrática das nacións sen estado", que segundo manifestou, terá que ser "unha ruptura unilateral ante a negación a unha saída pactada e democraticamente administrada".

O Grupo Municipal do PP sostén que o 22 de agosto o BNG deu un paso máis na súa deriva independentista a través do seu secretario de organización ao facer manifestacións como que "o Estado español é un lastre do que nos temos que liberar", que pertencer a España só supuxo "miseria, empobrecemento, emigración, desemprego e roubo", á vez que convocaba unha mobilización para o próximo 15 de setembro que leva por lema "por unha patria soberana" e que segundo as súas propias palabras ten por fin, "pararlle os pés" a uns Gobernos que empregan ao pobo galego "como unha auténtica colonia, adscrita a un Estado podrecido".

Uso político do paso da Volta

Desde o PP rexéitase ademais o chamamento do BNG á súa militancia para que acudisen con simboloxía nacionalista ao paso da Volta Ciclista por Galicia por considerar que se trataba dun evento deportivo con ampla repercusión mediática en España e outros países do mundo e, polo tanto, unha oportunidade para mostrar os activos da Comunidade.

"Rexeitamos que se pretendese facer uso político deste evento por parte do BNG co que buscaban, ademais de publicitarse, dar unha imaxe de afán independentista de Galicia respecto ao resto de España que en nada se corresponde co sentir maioritario da sociedade galega", explica a portavoz do PP, Julia Rodríguez.

Por todo o xa sinalado o Grupo Municipal do PP mostra o seu rexeitamento ao afán independentista do BNG ao entender que non reflicte o sentir maioritario da sociedade galega e vai en contra dos principios recolleitos na Constitución Española e no Estatuto de Autonomía de Galicia.

Novas

Redes Sociais