Novas

Monforte, 17 de xaneiro de 2016

Os populares fan esta petición despois de coñecerse que o Goberno Provincial ten previsto actuar en varias vías, sen que se recolla a actuación que o Pleno de Monforte acordou para esta estrada

O PP de Monforte pídelle ao Concello que se dirixa á Deputación para que resolva os problemas de seguridade viaria na estrada LU-P-3201

Julia Rodríguez precisa que “é prioritario atender as demandas dos veciños da parroquia de Piñeira, polo que solicitamos que se urxa á institución provincial a realizar estas obras, tal e como acordou o Pleno”

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao Goberno local que se dirixa á Deputación provincial de Lugo para que proceda a mellorar a seguridade viaria da estrada LU-P-3201 ao seu paso pola parroquia de Piñeira, tal e como acordou a Corporación o pasado mes de setembro a través dunha iniciativa do PP.

Os populares insisten na petición logo de coñecer que o Goberno Provincial ten previsto actuar en varias vías, como anunciou o pasado venres, e sen que se recolla a actuación que o Pleno de Monforte acordou para esta estrada.

En concreto, a moción presentada polos populares recolle que se establezan pasos de peóns que permitan atravesar a estrada, especialmente no entorno dos cruces que levan o lugar das Bodegas e A Rigueira, así como redutores de velocidade nas inmediacións dos cruces mencionados, coa debida sinalización vertical e horizontal.

Os populares demandaban ademais que se habiliten zonas de tránsito peonil nas marxes desta estrada, de modo que se garanta a seguridade viaria dos veciños ao seu paso pola parroquia de Piñeira. Tamén pedían que se prolongue a beirarrúa existente fronte o IES A Pinguela, a fin de garantir a seguridade viaria dos usuarios do paso de peóns existente fronte á saída do centro, de maneira que no extremo contrario ao centro desemboque nunha zona debidamente habilitada para o tránsito peonil e non nun espazo terrizo sen delimitación algunha con respecto a calzada, como acontece na actualidade.

Unha petición que xa foi aprobada en 2013

O PP recorda que o contido desta moción foi elevado ao pleno da Corporación Municipal a instancia do Grupo Municipal Popular e aprobado xa en novembro de 2013 e en setembro de 2016, resultando que ata de agora non se teñen tomado as medidas de seguridade propostas.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, asegura que o seu Grupo ten recibido queixas de veciños e usuarios, preocupados pola falla de seguridade viaria existente na parroquia de Piñeira, concretamente no que atinxe ao tránsito de peóns. “Referímonos concretamente á ausencia de pasos peonís na estrada LU-P-3201, titularidade da Deputación Provincial de Lugo, que une Monforte con Sober. Ao seu paso pola parroquia de Piñeira esta vía atravesa o núcleo poboacional e sepárao, de maneira que determinados servizos públicos existentes na parroquia, como o bar, a igrexa ou o local social, quedan a ambos lados da estrada, sen que existan pasos peonís que faciliten o cruce da mesma e o acceso a estes servizos en condicións de seguridade. Estámonos a referir concretamente o entorno do cruce que leva a Rigueira ou ao lugar das Bodegas.

Novas

Redes Sociais